Derradeiros días para visitar en Vigo a mostra «Lago Rivera: No principio dun mundo, 1916-2016»

A exposición está conformada por 42 pezas e conmemora o centenario do nacemento do artista
Publicado por o día 14/11/2016 na sección de Cultura,Vigo

Derradeiros días para visitar en Vigo a  mostra «Lago Rivera: No principio  dun mundo, 1916-2016»

14.11.2016 A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) clausurará o vindeiro sábado, 19 de novembro, na Sala de Exposicións do Teatro Afundación de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 13) a mostra «Lago Rivera: No principio dun mundo, 1916-2016». Trátase dun proxecto expositivo conformado por 42 pezas cedidas por variadas coleccións públicas e privadas, así como por prestatarios particulares e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia. A mostra compleméntase cun completo catálogo cuxo texto analítico está asinado polo propio comisario, Carlos L. Bernárdez. A exposición poderá ser visitada, ata a súa clausura, en horario de luns a venres de 17.30 a 20.30 h e sábados e festivos de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h. O obxectivo da iniciativa é conmemorar, a través da súa obra, o centenario do nacemento do artista.

A MOSTRA E O ARTISTA

Articulada a través de 42 obras, nesta exposición pódense ver os cambios conceptuais formais da arte do pintor ao longo de máis de corenta anos. Inclúese tamén valiosa documentación de época, fundamentalmente catálogos e publicacións sobre Lago Rivera, ademais dunha colección de gravados e debuxos.

Antonio Lago Rivera estuda nos anos corenta na Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid e completa a súa formación cunha primeira estadía parisiense. En 1945 participou na exposición «La joven escuela madrileña», organizada pola librería- galería Buchholz, en que deu a coñecer o seu espírito renovador.

Da formación académica e da inquedanza renovadora pola arte internacional vai xurdir a súa obra, que conseguirá afianzar a súa identidade en diferentes ámbitos histórico- sociais e artísticos que a porán a proba e someterán a variados retos.

Nos anos corenta realiza unha pintura dunha figuración maxicista e primitivista, en diálogo cos realismos europeos, co expresionismo e o surrealismo. Son obras que semellan remitir a unha arte sen codificar, non contaxiada pola racionalidade clasicista nin polo gusto máis académico, con algo de primario, de contacto cunha natureza primordial, co cósmico e o telúrico, expresando nunha evidente simplicidade de formas.

Nos anos cincuenta asume a abstracción no París do tachismo —onde se vai instalar— e dos informalismos, en relación coas grandes figuras da pintura internacional coas que chega a expoñer (José Guerrero, Karel Appel, Asger Jorn, Georges Mathieu, Antoni Tàpies, Antonio Saura…) e en contacto con movementos como a art brut, CoBrA ou o expresionismo abstracto. No París que se encontra Lago Rivera, en 1952 o crítico Michel Tapié publica Un art autre où il s'agit de nouveaux dévidages du réel, dando un pulo definitivo á abstracción informalista, cando, tamén na capital francesa, se asiste á penetración da action painting norteamericana.

Fronte a todos estes estímulos, Lago vai reaccionar iniciando unha viraxe que o levará á abstracción. A partir de 1951 pinta paisaxes moi esquemáticas de vivo cromatismo e xa nos encontramos cunha pintura plana, de liñas finas e cunha tendencia a esluír formas secundarias.

A partir de 1953 dá paso a cadros abstractos de carácter xeométrico para logo centrarse en formas planas con liñas cada vez máis movidas con cores simples e fondos brancos, cinsentos ou azuis. Entre 1958 e 1959 a pintura faise menos empastada, aparecendo de novo os azuis, os vermellos, os amarelos, en tons suaves e formas de cor en grandes espazos. Este será o estilo final abstracto de Lago Rivera, moi achegado ao chamado en Francia nuagisme, literalmente «nubismo», un termo artístico proposto en 1950 polo crítico Julien Alvard.

Os anos 1961 e 1962 marcarán o final desta abstracción nuagiste e o definitivo regreso do pintor á figuración, xa debedora dos logros da súa experimentación colorística abstracta. O que ofrece o artista é unha pintura que, no esencial, analiza de xeito orixinal os xéneros tradicionais, aínda que a partir dos setenta insire contidos irónicos, sarcásticos e de crítica social presentes en toda a súa obra final.