Desacordo da CIG-Navantia coa externalización do 100% da enxeñería de detalle para os AOR australianos

Advirten que se afonda nun modelo de empresa de simple xestión e dependente da subcontratación
Por o 20/02/2017 | Sección: A Coruña,CIG,Ferrol,Galicia,Naval,Sindicatos,Vigo
Desacordo da CIG-Navantia coa externalización do 100% da enxeñería de detalle para os AOR australianos

A CIG Navantia Ferrol amosa o total desacordo na externalización do 100% da enxeñería de detalle e dunha parte substancial da enxeñaría funcional para os AOR australianos, xa que isto significa” que a práctica totalidade do proxecto de deseño dos buques, non a realizará Navantia”. “Entendemos que esta decisión afonda no deseño cara unha empresa de mera xestión e dependente, en todo o proceso produtivo, da subcontratación externa”.

Neste senso, a Sección Sindical subliña que se dá unha transferencia tecnolóxica e de coñecemento que vai na liña contraria das propostas de manter e preservar actividades claves para o futuro como o caso desta área e, ao mesmo tempo, aquelas que reportan un maior valor engadido á actividade produtiva do estaleiro.

Denuncian que tampouco se  contemplou a posibilidade de complementar aquelas áreas técnicas onde houbera mais carencia de persoal, con persoal propio, contratado directamente pola empresa principal.

Xunta a isto, a CIG-Navantia Ferrol augura “problemas de coordinación importantes” entre os distintos departamento da empresa que dependen directamente do proxecto de deseño, como poden ser o de compras e enxeñería de produción. “Isto fainos supoñer que os problemas no proceso de construción do flotel, derivados fundamentalmente dunha mala organización produtiva, repetiranse nos dous buques contratados para a Mariña Australiana, feito que pode levar a empresa a unha situación crítica”.

“Fracaso estrepitoso” do sistema organizativo

Así, censuran a despreocupación da dirección diante deste tipo de situación,  mentres se seguen a incumprir aspectos importantes do III Convenio para o cadro de persoal da principal e se afonda na precarización da industria auxiliar,  mantendo ao mesmo tempo unha elevada cifra de horas extras : “a súa propia existencia demostra a mala planificación ou a pouca eficacia da mesma”.

Para a Sección Sindical é indicativo “do fracaso estrepitoso” de este sistema organizativo que está a impoñer a empresa”. Unha mostra, engaden, “témola no buque recentemente entregado. Todo por querer impoñer unha organización por programas e implantación de novos sistemas, que ía ser a pedra filosofal da construción naval, pero nos que a descoordinación e os malos resultados foron evidentes, polo que non quedou outro remedio que facer unha volta atrás no medio do proceso”.

Explican que a subcontratación se fixo tarde, cambiando de sistema (o que tamén provocou atrasos), “dándose a situación paradoxal de que a dirección dos centros non pinta nada, nun contexto organizativo dunha “Navantia única” pola centralización e ao mesmo tempo deslocalizacion nos distintos centros produtivos das decisións importantes no desenvolvemento dos procesos produtivos. Esta transferencia e perda do knowhow non fai máis empresa senón que vai no camiño da súa redución”, advirten.

Rubens Rocha

Nado en Vigo hai 35 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.