Desactivada unha vía de entrada de cocaína a través de Portugal e detidas oito persoas implicadas

A operación supuxo un duro golpe para unha organización criminal internacional, á que se interviñeron 430 quilogramos de cocaína e un total de 70.000 euros
Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Sucesos

Desactivada unha vía de entrada de cocaína a través de Portugal e detidas oito persoas implicadas

A Policía Nacional, a Axencia Tributaria, a Policía Judiciaria de Portugal e a Policía Nacional do Ecuador abortaron a apertura dunha vía de entrada de cocaína a través do porto portugués de Leixões mediante unha operación contra o narcotráfico. Oito persoas de nacionalidades españolas, ecuatorianas e colombianas foron detidas nesta operación. Ademais, realizáronse diferentes rexistros en Madrid e nas localidades galegas de Vilagarcía de Arousa e San Ciprián de Viñas.
 

A cocaína chegaba oculta en bananas

 
No mes de abril do ano pasado, a Policía Nacional detectou a celebración de diversas reunións en Ourense entre un industrial da froita, un coñecido narcotraficante da localidade pontevedresa de Vilagarcía de Arousa e o representante dunha oficina colombiana asentada en Madrid e que pretendía abrir unha vía de entrada a través dalgún dos portos galegos.
 
Neses encontros iniciaron os trámites legais para que a droga puidese chegar a España oculta nunha mercadoría legal de bananas que adquirira outro dos implicados.
 
As investigacións policiais revelaron que esa mercadoría procedente de Guayaquil (Ecuador) chegaría o 16 de xaneiro ao Porto de Leixões, no Porto. Por esta razón, instouse o Departamento de Aduanas e II.EE. da Axencia Tributaria e á Policía Judiciaria de Portugal a que realizasen as xestións, consultas e controles pertinentes para determinar a contaminación da mercadoría legal importada.
 
Dous días máis tarde, o contedor investigado chegou á sede dunha empresa situada en San Ciprián de Viñas, onde se procedeu á detención de todas as persoas implicadas. Na propia nave atopábanse, ademais do frutero, o seu home de confianza e os “notarios” do grupo exportador, que tiñan o labor de testemuñar que a droga chegaba ao destino da forma acordada previamente.
 
O dispositivo paralelo establecido en Madrid e en Vilagarcía de Arousa deu como resultado a detención de novos implicados, sumando un total de oito persoas arrestadas. Ademais dos detidos, interviñéronse 430 quilogramos de cocaína, 70.000 euros, varios vehículos de alta gama, decenas de teléfonos móbiles e documentación relativa á importación da cocaína. Nestes momentos, a operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.