“Desaparecen” do censo 200 veciños logo da fusión de Cerdedo e Cotobade

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de Política,PSOE

“Desaparecen” do censo 200 veciños logo da fusión de Cerdedo e Cotobade

A portavoz de Xustiza do Grupo Socialista trasladou onte a súa “preocupación” e “sorpresa” pola “repentina desaparición de 200 veciños e veciñas do padrón de Cerdedo. No debate dunha pregunta oral en Comisión, sinalou que estes datos desmenten o suposto éxito da fusión deste concello con Cotobade, que o PP ligou á suba do padrón en 36 persoas nun só ano.

Vilán enfriou hoxe a euforia do alcalde daquela localidade ao explicar que o que houbo en realidade foron 200 persoas desaparecidas do padrón, que “ou tiñan mal o DNI ou figuraban en domicilios irreais” e que “foron tragados pola terra” a pesares dos intentos do Concello por localizalos.

A parlamentaria socialista instou ao goberno galego a preocuparse por esta anomalía que pon en cuestión o argumento do impulso demográfico, que lles serviu para amparar e ata impulsar a fusión dos concellos. Desbotou tamén as alegacións da secretaria xeral de Administración Local, quen se felicitou de que a fusión permitía reducir custes dos representantes corporativos, o que Vilán relacionou “máis ben con reducir democracia”.

Sinalou que esta unión de dous concellos, xunto coa de Oza – Cesuras, as dúas amparadas polo presidente da Xunta en persoa, en realidade “foron aplicadas de xeito improvisado, respondendo máis ás necesidades políticas concretas temporais de quen as promove que aos posibles beneficios para o conxunto da cidadanía”.

Advertiu así que no caso de Cotobade e Cerdedo o goberno galego “non dixo nada de que esta medida poida alterar algún dos dous partidos xudiciais aos que pertencían os concellos inicialmente, o que implicaría unha fonda alteración do funcionamento da Xustiza, da accesibilidade dos cidadáns e dos custes asociados”.

Lembrou que nun dos congresos provinciais do PP de Pontevedra, o alcalde de A Estrada sinalou que sería o concello de Cotobade o que se integrara no seu partido xudicial, pero “nada din da posible alteración do reparto de escanos na Deputación Provincial”.