Descarrila un tren de mercadorías en Carballeda de Valdeorras e ninguén resultou ferido

Publicado por o día 28/07/2020 na sección de Sucesos

Descarrila un tren de mercadorías en Carballeda de Valdeorras e ninguén resultou ferido

Un tren de mercadorías con 15 vagóns descarrilou esta tarde en Carballeda de Valdeorras (Ourense), ao seu paso polo lugar de Sobradelo. Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais, o maquinista resultou ileso.

Dos 15 vagóns, que ían baleiros  e que compoñían o convoi, só uns catro ou cinco descarrilaron. Así o indicaban os particulares que presenciaron os feitos e que chamaron ao 112 Galicia ao fío das 17:30 horas para advertir do suceso. Aseguraban, ademais, que tampouco se apreciaba fume nin lapas.

Tras recibir as chamadas dos alertantes, o 112 Galicia ademais de informar ao persoal de Adif,  puxo en marcha decontado un operativo formado polos Servizos Sanitarios de Urxencias de Galicia-061, Bombeiros e membros do GES de Valdeorras e pola Garda Civil.

Finalmente, segundo explicou o persoal de Adif ao 112 Galicia, unha mala formación na vía puido ser a causa do descarrilamento.

Comentar noticia

Your email address will not be published.