Desconvocada a folga na limpeza do Cunqueiro tras acceder a empresa a reforzar o servizo e contratar persoal

O preacordo foi ratificado por unanimidade en asemblea polas/os traballadoras/es de Acciona
Publicado por o día 10/12/2020 na sección de Galicia,Salud,Sanidad,Sindicatos,Vigo

Desconvocada a folga na limpeza do Cunqueiro tras acceder a empresa a reforzar o servizo e contratar persoal

O persoal de Acciona, concesionaria da limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, decidiu hoxe por unanimidade en asemblea aceptar o preacordo pactado onte entre o comité e a dirección e desconvocar a folga indefinida prevista para este luns día 14. A compañía accedeu finalmente a reforzar o servizo para facerlle fronte ás novas necesidades derivadas da pandemia e contratar máis persoal.

A representación das traballadoras/es celebrou unha única asemblea no centro sanitario na que participaron empregadas/os das tres quendas de traballo, que foron informadas/os do acontecido na reunión para fixar os servizos mínimos, “onde quedou demostrado que había máis xente nos servizos mínimos que no actual cadro de persoal, polo que o comité de folga non os asumiu”.

A partir de aí iniciouse unha negociación coa empresa, que tras moitas horas rematou no preacordo que hoxe aceptou o persoal e que contempla un ‘reforzo covid’ de 14 persoas de luns a domingo. “Crearase unha comisión informativa na que se dará conta de cada movemento que se faga ao respecto; establécese que o reforzo terá que ser específico sen que se vexan mermadas outras zonas”.

Tamén se acordou levar a cabo a contratación indefinida de 10 persoas, das que nove serán da lista de persoal eventual, e a outra da propia empresa. Ademais, modificarase o acordo das ratio acadado en decembro de 2017, polo que na quenda de mañá pasarán a traballar 65 persoas; 52 na de tarde; e sete na de noite.

Convenio colectivo

En canto ao convenio colectivo, que terá unha vixencia de tres anos. chegouse a un entendemento en diversos artigos que necesitan outra redacción. A nivel salarial incrementaranse os pluses de vacacións (260 euros cada un dos anos de vixencia); aparcadoiro (125 euros cada un dos anos de vixencia); absentismo (novo tramo, de 1 a 15: 450 euros; de 16 a 30: 350 euros; e por ningún día de IT: 550 euros); axuda escolar (75 euros cada un dos anos de vixencia); e incapacidade (120 euros cada un dos anos de vixencia).

Tamén se conseguiron outras melloras como vacacións en días laborais, días adicionais ou plan de igualdade, que quedarán recollidas no novo convenio colectivo.

Dende a federación de Servizos da CIG valoran moi positivamente o acordo e salientan a importancia de que se teña conseguido a contratación de 10 persoas con contratos indefinidos, así como 14 contratos temporais. “No actual contexto de crise trátase dun logro máis importante se cabe que as melloras económicas”. Finalmente, inciden en que o aumento do número de persoas diarias no servizo mellorará o sistema de traballo na limpeza, “garantindo sempre unha cantidade que evitará a sobrecarga actual de traballo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.