Desmenten que os champús reparadores non reparan o cabelo

A Organización de Consumidores advirte que, a pesar de que na etiqueta indiquen que son reparadores, ningún champú pode reparar o pelo danado
Publicado por o día 14/04/2019 na sección de OCU,Hogar,Social

Entre un 70 e un 80% das mulleres e un 10% dos homes ten o pelo danado. É dicir, estragado por culpa dos efectos de tratamentos químicos (tinguiduras, alisados…), procesos a base de calor (secador, ferro de pelo…), procesos físicos ( cepillado, cardado…) ou polas condicións ambientais (humidade, raios UVA..). Conscientes deste problema, moitas marcas de champú promocionan e indican nas etiquetas dos seus produtos que son reparadores.

A Organización de Consumidores e Usuarios desmente estas alegacións e aclara que ningún champú pode reparar o pelo danado xa que, a diferenza por exemplo da pel, o cabelo humano é unha fibra sen vida que non ten capacidade propia de reparación e tampouco pode ser reparado por un champú.

OCU aclara que, en xeral, os champús limpan o pelo, acondicionan, coidan e mesmo poden embelecer o pelo. É dicir, poden deixalo en mellores condicións e coidalo, pero non poden reparalo.

Por iso, OCU critica o uso de alegacións como “repara”, “ reparador”, “rexenera” ou “reconstrúe” nos champús e cre que non deberían utilizarse, xa que son imposibles de cumprir e poden crear falsas expectativas no usuario.

OCU analizou nun laboratorio independente a eficacia de 14 champús “ reparadores” e avaliou a súa capacidade de lavado. Ademais, estes mesmos produtos foron testados por perruqueiros profesionais e por 30 voluntarios con cabelo danado que utilizaron os produtos tres veces na mesma semana e ofreceron o seu veredicto.

Segundo os resultados da análise, todos os produtos analizados conseguen moi bos resultados na proba de eficacia de lavado, tanto no laboratorio, como na proba de profesionais e usuarios.

Tendo en conta todos os factores analizados: eficacia de lavado no laboratorio, proba de lavado e acondicionado con perruqueiros e usuarios, impacto ambiental (envase e ingredientes que contaminan a auga), avaliación de ingredientes e fragrancias alergénicas e etiquetaxe, os produtos que obtiveron unha maior cualificación global (69 sobre 100) son Gliss Ultimate Repair champú e Elvive Dream Long Champú Reconstructor.

Por último, OCU comprobou que este tipo de champús de gran consumo que se poden atopar en tendas de perfumería, supermercados e hipermercados (salvo Kérastase que ten venda exclusiva en barberías) adoitan estar suxeitos a promocións e ofertas e que en perfumerías poden chegar a ser ata un 27% máis baratos que noutros establecementos.

OCU desmente ademais outras catro crenzas falsas relacionadas son o uso de champús:

1. A escuma serve para medir a eficacia do champú: Falso. Só axuda a estender o produto sobre o pelo, pero non inflúe na limpeza.

2. É prexudicial lavarse o pelo a diario. Falso. A frecuencia depende das necesidades e preferencias persoais.

3. Os champús caros funcionan mellor que os baratos. Falso. Na proba de lavado realizada por OCU, todos os champús analizados obteñen resultados excelentes.

4. O pelo queda igual de ben se se lava cunha pastilla de xabón ou só con auga. Falso. O xabón común pode deixar un veo opaco ou mate sobre o cabelo, mentres que a auga soa non arrastra a graxa e o cabelo queda pesado e sen brillo.

Esta información enmárcase na iniciativa #Nocuela, unha proposta coa que OCU quere desmentir e aclarar calquera tipo de información ou rumor falso en materia de consumo. Os usuarios poden colaborar facendo chegar á Organización calquera información dubidosa para que sexa investigada a través do hashtag #nocuela ou do correo electrónico nocuela@ocu.org