Gran despedida das Escolas Deportivas e das ligas Linco Class 205 do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia

Publicado por o día 01/06/2015 na sección de Baloncesto,Deportes

Gran despedida das Escolas Deportivas e das ligas Linco Class 205 do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia

O pasado venres 29 de maio do 2015 tivo lugar a xornada de clausura da tempada 2014/2015 das Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto e das Ligas Internas de Colexios, Ligas LINCO CLASS ´15, organizadas polo Club Baloncesto Seis do Nadal Coia dentro do programa municipal de Escolas Deportivas.

A xornada comezou no Pavillón Municipal de Navia con partidos amigables entre todos os combinados das Escolas Deportivas. Tódolos xogadores e xogadoras do CEIP Seis do Nadal, CEIP Doutor Fléming, CEP Celso Emilio Ferreiro, CEIP Pintor Laxeiro, CEIP Javier Sensat, Colexio Labor e as EDM Balaídos, EDM Berbés e EDM Navia puideron despedir a tempada 2014/2015 xogando contra os demais escolares que xa son “compañeiros e amigos”.

Os máis de 200 xogadores e xogadoras que se reuniron no polideportivo de Navia puideron demostrar ao público todo o aprendido ao longo do curso que comezou no mes de outubro do pasado ano. Desde entón tódolos escolares aproveitaron os adestramentos semanais e as xornadas das Ligas Internas de Colexios 2015, cun total de 208 partidos na Liga Linco e 48 encontros na Liga Linco XL, para aprender e mellorar das mans dos seus adestradores e adestradoras.

Para clausurar a xornada levouse a cabo a entrega de regalos a tódolos rapaces e rapazas, así como ao grupo de árbitros das Ligas Internas de Colexios, grupo formado por xogadores e xogadoras federados de categoría cadete e júnior do Club Baloncesto Seis do Nadal Coia. No acto de clausura estiveron presentes, acompañando ao Club Baloncesto Seis do Nadal, Manel Fernández, Concelleiro Deportes do Concello de Vigo; Pablo Alberte, técnico do Instituto Municipal dos Deportes; David Lemos, Xefe de Estudos de CLASS Escolas de Idiomas;Concepción Martins, Presidenta do Club Baloncesto Seis do Nadal; Antonio Iglesias e Ramón Román, directivos da entidade; e Sergio González, Director Deportivo do club.

PRENSA ÁREA DEPORTIVA SEIS DO NADAL