‘Desperegrinación’ do persoal da sanidade pública en defensa dos dereitos laborais e económicos

Partirá o vindeiro luns, día 19 de xuño, ás 11 h, da sede da Xunta en San Caetano e percorrerá o Camiño en sentido inverso ata a entrada á capital de Galicia, en San Lázaro
Publicado por o día 16/06/2017 na sección de CC.OO,Sanidad,Sindicatos,Vigo

‘Desperegrinación’ do persoal da sanidade pública en defensa dos dereitos laborais e económicos

A Federación de Sanidade de CCOO e outras organizacións convocan para o luns 19, ás 11 h, unha ‘desperegrinación’ en defensa dos dereitos laborais no ámbito e pola recuperación dos «dereitos roubados». Para este efecto, ducias de traballadoras e traballadores percorrerán en sentido inverso un treito do Camiño de Santiago, concretamente desde a sede da Xunta en San Caetano ata a entrada da cidade no barrio de San Lázaro.

Esta manifestación é un «paso máis» na campaña iniciada semanas atrás polos sindicatos CCOO, CIG, UGT, SATSE, CSI-F e SAE, que primeiro reuniron o persoal en asembleas informativas e, poucos días atrás, convocaron unha concentración diante do SERGAS e entregaron quince mil sinaturas de apoio ás reivindicacións.

Os sindicatos prometen «intensificar» as protestas após o verán se non houber avances en reivindicacións como a recuperación da carreira profesional e das partidas económicas conxeladas, non penalización por incapacidade temporal ou a recuperación dos días libres que corresponden, entre outros puntos.

O secretario xeral de CCOO-Sanidade, Ángel Cameselle, enfatiza que «o salario é o pagamento polo noso traballo» e reivindica unha «verdadeira negociación» para que nos orzamentos do próximo exercicio haxa unha partida económica que permita a recuperación dos dereitos laborais e salariais do persoal da sanidade pública.