Comunicado da Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública
Amancio Ortega anunciou recentemente a doación de 320 millóns de euros á sanidade pública (17 en Galicia) para adquirir 290 equipos médicos para a sanidade do estado. A pregunta é por que o propietario dunha multinacional realiza unha doación tan altruísta, cando a súa empresa basea gran parte do seu éxito na explotación de traballadores (fundamentalmente mulleres) de países pobres, en manobras fiscais para eludir impostos e en cotizar en paraísos fiscais, para non pagar o que debe en España, din desde a Asociacion Galega para a Defensa da Sanidade Pública.
Aquí expóñense algunhas explicacións e consecuencias desta pretendida xenerosidade empresarial
- Mellorar a imaxe corporativa de INDITEX (ZARA) afectada polos escándalos. Si Amancio Ortega pagase os mesmos impostos ca un médico (30% do seu salario) tería que dar 320 millóns cada ano en impostos, é dicir practicamente o total da doación.
- Incrementar aínda máis as deducións fiscais, dado que segundo a Asociación de Inspectores Fiscais (GESHTA,) pode deducir ata un 40% do aportado. A Ley General de Sanidad estableceu un sistema sanitario universal, equitativo e redistributivo, financiado por impostos e non por doacións privadas nin copagos.
- Condicionar a Planificación e as estratexias do Sistema Sanitario dado que a súa doación ten carácter finalista para comprar 290 novos aparatos de alta tecnoloxía, cando temos unha das taxas máis elevadas dos países da Unión Europea e moitos dos actuais poden actualizarse unicamente modificando o seu Software.
- Penetrar no Sistema Sanitario Público, especialmente na Investigación, Desenvolvemento e Innovación (I+ D+ I), que é o máis importante estratéxicamente para o futuro do sistema e a súa orientación futura.
- Avanzar na estratexia neoliberal de utilización intensiva de recursos tecnolóxicos, nun contexto de super-especialización e hospitalo-centrismo. Segundo a OMS a loita contra o cancro debe basearse na promoción, a prevención de saúde e a Atención Primaria e non no diagnóstico da enfermidade cando ésta afecta ó paciente. As listas de agarda do cancro, non son por falta de aparellos tecnolóxicos (que non se utilizan polas tardes ou fins de semana) senón por falta de persoal e a mala xestión dos servizos.
- Modificar o actual modelo de finanzamento sanitario de carácter universal e redistributivo financiado por impostos, por outro de finazamento privado (por copagos dos usuarios, seguros complementarios e doacións caritativas das grandes empresas como en Estados Unidos, onde éstas recuperan o aportado mediante deducións fiscais).
Quénes gañan?
ZARA e Amancio Ortega que lava a súa imaxe persoal e corporativa, aparecendo como un gran altruísta social pese a explotar a miles de traballadores (no Estado e no terceiro mundo) e non pagar os impostos que debería.
As empresas fabricantes de aparellos tecnolóxicos que multiplicarán as súas vendas. Para éstas a saúde é unha gran oportunidade de negocio e non un dereito social.
Os gobernos autonómicos de ideoloxía neoliberal (entre eles Núñez Feijoo) que poderán manter os recortes, a compensar por doacións, o que lles proporcionará a escusa para dar entrada ó capital das multinacionais na sanidade.
Quénes perden?
A saúde da poboación, xa que se aposta pola curación do dano, en lugar de por prevención (no caso do cancro, pola atención primaria e a saúde pública, que é a que pode poñer en marcha a promoción de estilos de vida saudables, educación sanitaria, control da obesidade, saneamento do medio ambente, vixiancia dos alimentos, exercicio físico, etc.). Segundo a Organización Mundial da Saúde, o 50% dos cancros diminuiría con mellorar a calidade de vida.
O Sistema Sanitario Público que perderá autonomía e racionalidade, ó permitir que empresas privadas decidan a planificación dos recursos, mentres se avanza na sua descapitalización e privatización. Entre un 30 e un 50% das probas de TAC son innecesarias.
A Atención Primaria, dado que a doación ten carácter finalista ó dedicarse a comprar equipamento tecnolóxico. A promoción e prevención da saúde non son susceptibles de transformarse en mercancías obxecto de compra e venda, como é o caso. Ás multinacionais non lles interesa a Atención Primaria, a promoción da saúde, nin a mellora dos hábitos de vida para diminuír a incidencia de cancro, senón o diagnóstico con equipos de alta tecnoloxía e o tratamento con custosos fármacos
Desde a AGDSP animan ó Sr. Ortega a pagar os impostos que lle corresponden e abandoar os paraísos fiscais, para que con eses cartos o Goberno de Galicia restitúa os recortes sanitarios realizados por Núñez Feijoo e a Conselleria de Sanidade, SERGAS, e faga as inversións nas áreas definidas como prioritarias para a Sanidade Pública Galega, non as que decida este empresario atendendo a súa ideoloxía e intereses empresariais.
Os sanitarios non planificamos cómo facer camisas ou pantalóns e ZARA non debe meter as súas mans na política sanitaria de Galicia e do Estado.