Dez casos que exemplifican o desleixo da Xunta co Patrimonio Cultural no Norte de Lugo

O pasado 15 de maio, ADEGA e Mariña Patrimonio alertaban ás Consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural e Cultura que a actualización da información xeográfica do patrimonio cultural vertida no visor de aproveitamentos forestais da Xunta de Galiza, adoecía dun número considerable de erros de xeolocalización de xacementos arqueolóxicos por todo o terriorio galego. Vinte días despois da denuncia, a Consellaría de Cultura segue sen contestar e sen explicar de que forma vai proceder para reparar os erros detectados, e se vai facer unha revisión profunda e completa da actualización dos datos de xeolocalización do patrimonio cultural de Galiza no visor de aproveitamentos forestais, tal e como lle foi requirido por ADEGA e Mariña Patrimonio. Este organismo é o único que fica por contestar á reclama de ADEGA e Mariña Patrimonio, xa que ambos colectivos xa recibiron notificación da Consellaría de Medio Rural e da Consellaría de Medio Ambiente, a través do Instituto de Estudos do Territorio, na que non desmenten a existencia de erros e descargan toda responsabilidade na Consellaría de Cultura, nomeadamente, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Porén, malia que a Xunta é plenamente consciente dos graves erros, tanto na delimitación coma na xeolocalización de numerosos xacementos arqueolóxicos, continúa recomendando o emprego do visor telemático, como ferramenta para avaliar se cómpre ou non solicitar autorización á hora de realizar traballos forestais en zonas potencialmente protexidas. A última ocasión tivo lugar coa publicación do decreto 73/2020, do 24 de abril, da Consellaría de Medio Rural, co cal a Xunta pretende axilizar e simplificar a execución de máis de 100.000 aproveitamentos forestais ao ano en montes de xestión privada, e que entrará en vigor o vindeiro 9 de xuño.

ADEGA e Mariña Patrimonio urxen de novo á Consellaría de Cultura a corrixir canto antes os erros do visor e a retiralo cautelarmente, ou cando menos, que se advirta claramente aos usuarios que, debido ás eivas detectadas, esa ferramenta non é  fiable nin recomendable como información validada. Esta información que se fai pasar como oficial, ademais de poñer en risco xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos, pode provocar que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións por danos contra o patrimonio cultural.

10 casos destacados no Norte da provincia de Lugo

Tras unha nova revisión dos datos xeográficos contidos no visor de aproveitamentos forestais, ADEGA e Mariña Patrimonio realizaron unha escolma de 10 erros de xeolocalización do patrimonio cultural na zona Norte da provincia de Lugo, entre os múltiples detectados no visor, para mostrar a pouca fiabilidade dos datos que recolle esta publicación oficial da Xunta de Galicia:

1. Castro de Quenllas do Forno (Guitiriz): o visor só marca como zona protexida 1/3 do xacemento.

2. Castro O Curveiro-Nois (Foz): A maior parte do xacemento quedou fóra da delimitación deste castro costeiro.

3. Castro de Meirengos (Ribadeo): Das 4 hectáreas que ocupa este xacemento, só se sinala como superficie protexida 0,5 Ha.

4. Castro da Vela (Xove): A Xunta reduce a zona protexida deste castro de 6Ha a 0,45Ha no visor de aproveitamentos forestais.

5. Castro Castelo (Xove): Neste caso, o erro consiste en darlle máis superficie ao castro da que ten. De 1Ha pasaría a sinalarse erroneamente unha superficie protexida de 8,5 Ha.

6. Mina romana de ouro da Espiñeira (Foz): A extensión que ocupa esta antiga mina romana de 45 Ha é reducida pola Xunta a 2 Ha no visor de aproveitamentos forestais.


7. Castro da Forca (Viveiro): Mentres que a superifice real do xacemento é de 0,36 Ha, a Xunta dá por válida unha delimitación que amplía esta superficie a 4 Ha.

8. Mámoa de Tras As Airas (Fonsagrada): A Xunta localiza esta mámoa nunha ladeira de forte pendente, a 1 quilómetro de distancia de onde realmente está situada. Ademais nesta zona, fican 2 mámoas por catalogar e, por tanto,  quedan desprotexidas.

9. Arquela da Pruída (Fonsagrada): A Xunta  despraza esta mámoa 123 m da súa localización real.


10. Antiga capela e cemiterio de Santo Estevo do Ermo (Barreiros): A Xunta sitúa esta antiga igrexa no aparcadoiro da nova capela, a 120 m da súa correcta xeolocalización.

Asemade, ADEGA e Mariña Patrimonio fan un chamamento ás persoas e asociacións preocupadas e interesadas polo patrimonio cultural de Galiza para que revisen e denuncien calquera erro de xeolocalización ou delimitación que detecten no visor de aproveitamentos forestais para evitar, no posible, a destrución irreparable do patrimonio protexido.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM