Dezaseis centros públicos de educación primaria da provincia de Ourense dispoñen este curso de kits de robótica

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou o CEIP Plurilingüe dos Blancos que é un dos sete colexios ourensáns que se incorporaron este curso ao programa
Publicado por o día 15/01/2019 na sección de Educación

Dezaseis centros públicos de educación primaria da provincia de Ourense dispoñen este curso de kits de robótica

Na provincia de Ourense un total de 16 colexios públicos participan neste curso 2018/2019 no programa de innovación Introdución á robótica educativa en primaria, polo que o seu alumnado dispón de kits de robótica subministrados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Deles, sete incorporáronse este curso por primeira vez, mentres que os nove restantes renovan, continúan ou amplían o proxecto do curso anterior.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola xefa territorial do departamento autonómico de Educación, Luz Fernández Quintas, visitou o CEIP dos Blancos, que é un dos sete novos centros que participan este curso no programa.

Díaz Mouteira comprobou o emprego que o alumnado deste colexio público fai do material entregado por participar neste proxecto. En total, as sete alumnas e alumnos de 4º,5º e 6º de Primaria do centro son beneficiarios do programa que, segundo a delegada territorial, demostra a aposta do Goberno galego de achegar ao alumnado dos municipios do rural os mesmos recursos educativos e didácticos dos que dispoñen os escolares das cidades e das grandes vilas. A dotación consiste en 6 robots Mbot (modelo básico) e kit de construción compatible de Lego, ademais dos manuais de uso e guía didáctica.

Este curso como centros de nova incorporación sumáronse ao centro dos Blancos, os CEIPs Curros Enríquez de Celanova, Rosalía de Castro de Xinzo de Limia, Santa María A Real de Entrimo, o de Maceda, e o Manuel Luís Acuña e o Plurilingüe de Seixalbo, da capital ourensá.

O resto dos centros ourensáns participantes do programa de robótica son: CEIP Ramón Otero Pedrayo, do Barco de Valdeorras; CEIP Carlos Casares, de Xinzo de Limia; CEIP Plurilingüe, de Vilar de Barrio; CEIP Plurilingüe Otero Novas, de Cortegada; CEIP Ben Cho Shey, do Pereiro de Aguiar; CEIP Plurilingüe de Luíntra, de Nogueira de Ramuín; e os CEIPS da cidade Irmáns Villar, Amadeo Rodríguez Barroso e Vistahermosa.

A representante do Goberno galego en Ourense subliñou que o programa Introdución á robótica educativa en primaria ten como obxectivo facilitar que o alumnado adquira, a maiores de coñecementos curriculares, competencias clave para o seu pleno desenvolvemento persoal e social, a través dunha metodoloxía activa que contribúe

ademais a fortalecer o avance dos escolares nas áreas de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas (STEM).

O programa enmárcase na Estratexia Galega de Educación Dixital, Edudixital 2020, impulsada pola Consellería, a través da cal se busca lograr que todo o alumnado de ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21 co fin de que, ao finalizar os estudos, acade un nivel adecuado de competencia dixital e científico-tecnolóxica.

Material para centros de ESO

Cómpre lembrar neste sentido que, a maiores desta acción para os centros de primaria, a Consellería dotou a todos os centros que imparten ESO dun kit de robótica educativa (formada por 6 robots MBot modelo Ranger), un de microcontrol e programación (4 arduinos UNO con de sensores e actuadores e 2 Raspberry PI 3) e outro de impresión 3D (impresora Leon3D con set de consumibles).