Di adeus ao tabaco grazas ao programa para deixar de fumar da AECC en Vigo

O programa para deixar de fumar comeza o 23 de outubro e impartirase todos os mércores de 17.30 a 19.00 horas na Sede de Vigo da AECC, na rúa Rolda Don Bosco 41, Oficina 5
Publicado por o día 01/10/2019 na sección de AECC,Galicia,Social,Vigo

Di adeus ao tabaco grazas ao programa para deixar de fumar da AECC en Vigo

A Sede Local de Vigo presenta unha nova convocatoria do programa de deshabituación tabáquica impartido por un psicólogo da asociación, no que se ofrece unha axuda específica e personalizada para facer fronte ao proceso de abandono do tabaco. A data de inicio será o próximo 23 de outubro e desenvolverase todos os mércores de 17.30 a 19.00 horas en Rolda Don Bosco 41, Oficina 5. As persoas interesadas en acudir a este programa poderán anotarse ata o 18 de outubro enviando un correo electrónico a [email protected] ou chamando ao teléfono 986 22 03 03.

O programa para deixar de fumar da AECC, que ten unha taxa de éxito do 60%, desenvolverase ao longo de sete sesións de hora e media, distribuídas en sete semanas. Un mes despois, realizarase unha sesión de control. Aínda que este curso é gratuíto, as persoas participantes entregarán un depósito de 60 euros, co obxectivo de asegurar a súa presenza e compromiso en todas as sesións, e que se devolverá en caso de non faltar a ningunha. Por cada falta non xustificada retiraranse 6 euros, ata un máximo de tres faltas, a partir das cales se perde o depósito total.
Durante este tempo, o usuario fará unha redución gradual do consumo de cigarros ata deixalo completamente, recibirá ferramentas para controlar a síndrome de abstinencia e técnicas de autocontrol para previr futuras recaídas.
Actualmente, o tabaco é a primeira cauda de morte evitable nos países desenvoltos. Está relacionado directamente con máis de 15 tipos de cancros diferentes. No ano 2018, detectáronse 27.351 casos novos de cancro de pulmón, dos cales 1.911 foron en Galicia e 606 na provincia de Pontevedra.

Desde a Asociación Española Contra o Cancro traballamos unidos para educar en saúde, apoiar e acompañar ás persoas enfermas e as súas familias, e financiar proxectos de investigación que permitirán un mellor diagnóstico e tratamento do cancro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.