Día de Acción de Amigos da Terra pola xustiza climática e enerxética en Galicia

Por o 13/10/2017 | Sección: Amigos da Terra,Galicia,Política

Miles de activistas da Federación Internacional de Amigos da Terra celebran o Día de Acción pola xustiza climática e enerxética con accións descentralizadas en todo o mundo. As grandes multinacionais enerxéticas están a provocar graves danos á poboación e a súa contorna con total impunidade; agravan o cambio climático e atentan contra as comunidades. Por esta razón, os grupos de Amigos da Terra saen á rúa o 14 de outubro para mostrar o seu descontento con estas empresas e para visibilizar as alternativas a unha economía baseada nos combustibles fósiles, que non ten en conta o benestar da cidadanía.

En Galicia, cada un dos grupos locais de Amigos da Terra pintará un mural de forma colectiva para denunciar a inacción dos gobernos e a súa conivencia cos intereses empresariais das grandes enerxéticas. Con este obxectivo porán o foco sobre a necesidade de xustiza climática, denunciarán proxectos de enerxías sucias e renderán homenaxe ás persoas que defenden o medio ambiente a diario arriscando as súas vidas polo interese xeral. Estas accións, que contarán con música en directo e diferentes actividades de carácter lúdico e reivindicativo, terán lugar en Ourense e Santiago de Compostela.

O Día de Acción de Amigos da Terra tamén se celebrará en máis de 30 países: países africanos como Togo, Camerún, Sudáfrica, Uganda, Serra Leona ou Mozambique; asiáticos, como Corea, Filipinas, Malaisia, Indonesia, Xapón, Palestina, Rusia ou Bangladesh; americanos como Paraguai, O Salvador, Arxentina, Uruguai, Honduras, Estados Unidos, e europeos, como Inglaterra, Escocia, Finlandia, Croacia, Bosnia, Dinamarca, Holanda, Suíza, Bélxica, Austria, Estonia ou España.

Por que?

Só en 2017 experimentáronse varios fenómenos metereolóxicos devastadores, como secas, furacáns e inundacións, ademais de incendios forestais e desprendementos de icebergs, favorecidos polo cambio climático. O panorama actual non pode recibir outra cualificación máis que de emerxencia planetaria. Estes desastres naturais están a suceder con só 1ºC de aumento de temperatura, mentres o Acordo de París contempla que a temperatura incremente como moito un grao máis. A pesar da situación tan crítica que vive o planeta, multinacionais e gobernos de todo o mundo seguen apostando por fontes de enerxía fósil; na actualidade están a planificarse ou construíndo 850 novas plantas de carbón en 62 países.

Os impactos da extracción e queima de carbón, petróleo, gas e areas bituminosas, xunto a novas técnicas non convencionais como o fracking, representan un perigo para a sociedade e os seus medios de vida. Lonxe de establecer as medidas requiridas, prevese que Europa incremente a importación de gas nun 58%, e moitos países europeos xa abriron as súas portas ao fracking.

Os proxectos hidroeléctricos a gran escala tamén deben considerarse enerxías sucias: acaparan terras, ríos, recursos e desprazan ás comunidades locais. Precisamente a defensora ambiental Berta Cáceres foi asasinada o ano pasado por oporse a unha macropresa en defensa da súa comunidade en Honduras.

É necesario actuar xa para frear esta escalada de desastres e garantir a adaptación ao cambio climático dos países empobrecidos. O 10% da poboación mundial é responsable da metade das emisións, mentres que o 50% máis pobre é responsable de só o 10%. Os países industrializados teñen a responsabilidade de reducir drasticamente os seus gases de efecto invernadoiro e proporcionar recursos aos países do Sur Global para unha transición enerxética xusta.