Día da Enerxía: É preciso avanzar cara unha Enerxía Comunitaria

Publicado por o día 14/02/2015 na sección de Amigos da Terra,Política

Día da Enerxía: É preciso avanzar cara unha Enerxía Comunitaria

– Amigos da Terra insta a avanzar cara a un modelo baseado na Enerxía Comunitaria

No Día Mundial da Enerxía, 14 de febreiro, Amigos da Terra aproveita a ocasión para recordar a urxencia de establecer unhas bases legais para transformar o modelo enerxético actual nun baseado en enerxías comunitarias e renovables.

A ciencia e todos os organismos internacionais poñen o modelo enerxético no centro da crise ambiental e social que estamos a vivir a escala planetaria. A adicción das sociedades industrializadas aos combustibles fósiles está na orixe da pobreza enerxética, o cambio climático e a destrución de comunidades locais en todo o planeta.

Co fin de solucionar estes problemas e situar as fontes de enerxía en mans das persoas, é necesario establecer un marco legal a nivel europeo que permita fomentar proxectos de enerxía comunitaria baseados en recursos renovables. O informeEnerxía Comunitaria: marcos legais para a cidadanía europea, elaborado por Client Earth para o proxecto Community Power /Enerxía Comunitaria, busca ofrecer as claves legais necesarias para crear un escenario propicio onde a cidadanía non sexa simplemente consumidora de enerxía, senón que sexa a súa propia produtora.

Neste contexto o concepto de enerxía comunitaria non ha de ser restritivo, senón que non incluír un amplo rango de modelos que facilite e englobe a participación da cidadanía na produción e o uso das enerxías renovables. Este marco ha de garantir a intervención efectiva da sociedade e a obriga, por parte das administracións a todos os niveis, de fomentar este tipo de proxectos. Para isto é necesario fixar obxectivos non só de enerxía renovable, senón tamén de enerxía comunitaria, así como proporcionar fondos para financiamento e apoio, á vez que se poñen medios abondo para investigar e implantar as iniciativas.

“Os combustibles fósiles, dende a súa extracción ata o seu consumo, son agora mesmo unha causa de problemas ambientais e sociais”, sinalou Alejandro Gonzalez, responsable da área de clima e enerxía de Amigos de la Tierra en España. “O uso de carbón, gas e petróleo significa unha fonte de traballo insalubre e mal remunerado; a súa extracción é unha fonte directa de contaminación do ámbito e de destrución dos medios de vida das comunidades afectadas. Utilizalos para o transporte, a agricultura e a xeración eléctrica e térmica é a maior fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro. Non podemos dar un paso máis nesa dirección”, concluíu González.

Afortunadamente hai alternativas renovables que son xa competitivas e que están avanzando vertixinosamente en canto ao seu rendemento e sobre todo capacidade de xestión. Deste xeito é posible poñer a xeración de enerxía a pequena escala a disposición das persoas, a través de infraestruturas sostibles, que permitan satisfacer unha demanda sensata de acordo ás necesidades de benestar e non ao dispendio no seu consumo.

Galicia ten un gran potencial de xeración de enerxías renovables de baixo impacto ambiental e Amigos da Terra esixe á Xunta de Galicia que poña fin ás políticas que priman o uso dos combustibles fósiles e cambialas por medidas que aposten por un modelo local de xeración enerxética baseada en renovables, favorecendo normativas e medidas de estímulen economicamente e impulsen desenvolvementos comunitarios de producción, consumo e distribución.Experiencias noutros territorios teñen demostrado a viabilidade deste novo sistema que nos permitiría liberarnos do oligopolio das grandes compañías e por en mans da cidadanía iniciativas de enerxía comunitaria máis sostibles económica, social e ambientalmente.

PRENSA AMIGOS DA TERRA