Día Internacional das Montañas

Publicado por o día 11/12/2014 na sección de Amigos da Terra,Política

Día Internacional das Montañas

– 11 de decembro “Día Internacional das Montañas”, a comunidade internacional celebra este día dende 2002 para recapacitar sobre a importancia que teñen estes ecosistemas para a vida no planeta.

– Se a situación a nivel mundial e grave, no caso de Galicia podemos afirmar que é crítico.    

Hoxe 11 de decembro é o DÍA INTERNACIONAL DAS MONTAÑAS, data fixada pola Organización das Nacións Unidas no ano 2002.

As montañas son unha fonte importante de auga, enerxía y diversidade biolóxica. Ademais, son fonte de recursos vitais como minerais, produtos forestais e agrícolas e espazos de lecer. As montañas son  esenciais para a supervivencia do conxunto do ecosistema mundial. Poren, os ecosistemas de montaña están cambiando de maneira acelerada. Son zonas fráxiles con problemas de erosión dos solos, desprendementos de terras e un rápido empobrecemento da diversidade xenética e dos hábitats  que acubilla. A maioría das zonas montañosas do planeta padecen un forte deterioro medio ambiental. Nas zonas de montaña hai unha forte perda de coñecementos, tradicións, cultura etnografía polo despoboamento acelerado e por ser zonas marxinadas polos propios poderes públicos. Resulta imprescindible levar adiante medidas para conquerir unha ordenación apropiada dos recursos das montañas e o desenvolvemento social e económico dos seus habitantes.

Se a situación a nivel global é grave dende Amigos da Terra consideramos que a nivel galego a situación destes ecosistemas e crítico pola total falla de políticas dirixidas á conservación, protección e mellora destes espazos naturais. Que a día de hoxe zonas de montaña como Pena Trevinca, O Courel, Os Ancares, Macizo Central Ourensán…non teñan a consideración de Parque Natural demostra a falla de sensibilidade e dos máis mínimos criterios conservacionistas da Xunta de Galicia. Explotacións mineiras, liñas eléctricas, obras de infraestruturas sen medidas correctoras, incendios forestais, repoboacións con monocultivos…están estragando estes espazos que son unha das reservas ecolóxicas, culturais, etnográficas…de máis alto valor da nosa terra. Actividades e actuacións que impiden o desenvolvemento socioeconómico destas zonas, xa de por si marxinadas, acelerando aínda máis a súa desertificación.

Para Amigos da Terra é imprescindible mudar as actuacións das administracións públicas con estes ecosistemas, é prioritario a declaración de parque natural dos espazos de montaña de máis valor de Galicia e levar adiante programas de desenvolvemento socioeconómico para evitar a súa desertificación.