Espazo conmemora o Día Mundial da Poboación denunciando a crise de natalidade que padece Galicia

Publicado por o día 11/07/2014 na sección de Espazo Ecosocialista,Política

Espazo conmemora o Día Mundial da Poboación denunciando a crise de natalidade que padece Galicia

No día mundial da poboación, Galicia enfronta unha profunda crise de natalidade

  • Espazo Ecosocialista denuncia que Galicia terá 147.751 habitantes menos no 2023, case como se desaparecera a comarca de Compostela e a que quede estará envellecida ate o punto de haber 2 maiores de 65 anos por cada menor de 16 .
  • Este descenso será aínda máis acusado nas provincias de Ourense (- 9,4% menos) e Lugo (- 7,7%), segundo  os datos do Instituto Nacional de Estatística.
  • A baixa natalidade que significará que nese horizonte do 2023 teñamos 16.000 mortes máis que nacementos, un saldo vexetativo negativo.

 O 11 de xullo é o Día Mundial da Poboación, e desde Espazo enténdese que “a baixa natalidade non é unha causa, é un síntoma dunha realidade social moi complexa, na que se mesturan cuestións de xénero, o darwinismo social imposto polo neoliberalismo, a nula iniciativa por parte das administracións, a ausencia de perspectivas para a meirande parte da poboación xunto coa incerteza de ter o mínimo para poder asumir a responsabilidade materno-paterna con dignidade”. Hai meses a conselleira do ramo, Beatriz Mato anunciaba entre outras supostas medidas unha campaña publicitaria de medio millón de euros para “fomentar” a natalidade. “É evidente o compromiso do goberno da Xunta” ironizan dende Espazo.

Espazo Ecosocialista sinala que esta crise demográfica é unha cuestión central no futuro do noso país e como tal debemos enfrontala desde a perspectiva do ben común e polo tanto do ben público. A natalidade non se fomenta con campañas publicitarias nin con “investimentos” de 90 millóns de euros como anunciou a Xunta. Por comparar, é o que custa construír 10 km de AVE ou a quinta parte do que custou a Cidade da Cultura.

Para Espazo “o problema hai que enfrontalo con medidas estruturais permanentes que xeren a confianza necesaria na poboación sobre o futuro: a instauración dunha verdadeira rede pública permanente de servizos de apoio ás familias, sexan do tipo que sexan, que inclúan educación, vivenda, asistencia sanitaria, baixas alongadas no tempo e compartidas, aspectos fiscais e laborais, etc.”

Tamén hai que enfrontalo desde unha perspectiva sociocultural de xénero, de igualdade nos dereitos e nas responsabilidades no ámbito familiar, nos dereitos laborais, na superación definitiva dos roles arcaicos e anquilosados do patriarcado na nosa sociedade.

Dende Espazo reivindican a implantación dunha Renda Básica Universal Individual como garante dun nivel de vida adecuado que permita asegurar a alimentación, o vestido e a vivenda dentro dun Estado que se considera democrático, social e de dereito e que serviría para reducir exponencialmente as incertezas que afectan directamente aos dereitos básicos e que, por tanto, inciden directamente na natalidade e na crise poboacional.

“Só enfrontando o problema desde esta triple perspectiva, que supón na realidade unha reconfiguración da condición de persoa cidadá poderemos provocar un cambio de ciclo que permita recuperar a natalidade” rematan dende Espazo.