Día Mundial do Cerebro: unha de cada seis persoas no mundo ten un ictus unha vez na vida

Cómpre unha mellora e expansión do sistema de protección social para o dano cerebral adquirido.
Publicado por o día 19/07/2017 na sección de Salud

Día Mundial do Cerebro: unha de cada seis persoas no  mundo ten un ictus unha vez na vida

A Federación Mundial de Neuroloxía (WFN – World Federation of Neurology) e a Organización Mundial do Ictus (WSO – World Stroke Organization) dedican o Día Mundial do Cerebro 2017 ao ictus, cun lema tan certo como alarmante: “unha de cada seis persoas no mundo ten un ictus unha vez na vida”. Esta efeméride instaurouse o 22 de xullo desde o ano 2014.

En Galicia prodúcense máis de 6.000 altas hospitalarias anuais por causa de ictus. Hai máis de 35.000 persoas con dano cerebral adquirido, e case o 80% dos casos está motivado por un ictus. Ademais, é a principal causa de mortalidade. Por este motivo, a Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) súmase á conmemoración a escala mundial.

Os avances médicos (novas técnicas e tratamentos obtidos grazas á investigación) e o desenvolvemento, nas últimas décadas, do sistema público de saúde, melloraron a atención ao ictus, de maneira que se salva unha enorme cantidade de vidas que ata fai poucos anos nin chegaban ao hospital. Como contrapartida, moitas das persoas sobrevivintes quedan con secuelas máis ou menos permanentes, é dicir, con dano cerebral adquirido.

Ademais, o proceso de envellecemento poboacional, sumado ao cambio nos hábitos de vida (sedentarismo, mala alimentación, estrés, contaminación…), non fai máis que agudizar os factores de risco. Unha de cada seis persoas vai ter un ictus, o que se traduce nunha enorme necesidade de recursos de atención sanitaria e de protección social.

Para determinar cales son esas necesidades de atención –e así poder responder a elas-, actualmente xa desbordadas por insuficientes, FEGADACE está a desenvolver o estudo ‘Analizando o coñecemento da diagnose e recursos das persoas con DCA, medindo a cobertura das necesidades do colectivo’.

O ictus. Un panorama xeral:

  • É habitual. Unha de cada seis persoas no mundo ten un ictus na vida. En Galicia hai 27.890 persoas que tiveron un ictus.
  • Pode atacar a calquera. Homes, mulleres, nenos e maiores.
  • É repentino. A maioría das veces preséntase de golpe.
  • Pode ser mortal. Case no 30% dos casos.
  • Causa discapacidade. Diferentes estudos sinalan como causantes de discapacidade entre o
  • 30 e o 50% dos casos.
  • Pódese previr. Mitigando os factores de risco (controlando a presión do sangue, deixando o tabaco, cunha alimentación equilibrada, evitando o sedentarismo…).
  • É tratable. Aplicar o tratamento canto antes pode reducir as taxas de mortalidade e discapacidade ata un 50%.
  • Unha vida autónoma é posíbel. O 70% das persoas que tiveron un ictus pode levar adiante unha vida autónoma se recibe unha atención temperá e rehabilitación.

Como podemos reducir as taxas de mortalidade e discapacidade causados polo ictus?

Identificación e atención urxente. Os/as pacientes con ictus precisan chegar a urxencias tan pronto como ocorre o ataque. Por iso cómpre que toda a poboación saiba identificar inmediatamente os seus síntomas de alarma.

  • Atención temperá en unidades de ictus. Todos/as os/as pacientes con ictus deben ser tratados/as en unidades de ictus. En Galicia existen tres: A Coruña, Santiago e Vigo.
  • Ampliar o uso da rtPA. A administración intravenosa do Activador Tisular do Plasminóxeno debe ser usada dentro das 4,5 horas posteriores a que se produza o ictus. Canto antes se aplique o tratamento, máis efectivo é: “tempo é cerebro”.
  • Trombectomía endovascular. Para algúns pacientes cunha obstrución severa dos vasos sanguíneos e ictus isquémico. Débese practicar dentro das seis primeiras horas.
  • Rehabilitación inmediata e prolongada. A rehabilitación debería comezar na unidade de ictus no primeiro día e manterse ata que a capacidade funcional sexa recuperada.

Proxecto para o estudo dos recursos de atención ao ictus en Galicia:

De acordo coas necesidades definidas pola Federación Mundial de Neuroloxía, e constatadas as carencias a nivel de atención existentes en Galicia, FEGADACE puxo en marcha en 2016 un estudo para coñecer mellor os recursos dispoñíbeis para as persoas que teñen un ictus. O proxecto titúlase ‘Analizando o coñecemento da diagnose e recursos das persoas con DCA, medindo a cobertura das necesidades do colectivo’ e conta co apoio da Fundación Barrié e a Fundación Roviralta, e coa colaboración da Sociedade Galega de Neuroloxía (SGN).

Este proxecto ten un dobre obxectivo:

a) Incrementar a información da que se dispón sobre os servizos e produtos reais de atención ao ictus nos sistemas públicos de saúde e de protección social. Preténdese contar con datos certos para poder facer unha planificación realista das necesidades efectivas das persoas que teñen un ictus.

b) Servir de base para a elaboración dun estudo epidemiolóxico sobre o dano cerebral adquirido (ata agora só contamos con datos aproximados de incidencia e prevalencia). Con estes datos poderase analizar o retorno social do investimento (SROI), calculando os beneficios sociais e económicos da prestación de servizos ás persoas con DCA.

Na actualidade a investigación atópase na fase de recollida de datos, grazas á colaboración dos e das profesionais da SGN, que distribúen unha enquisa facilitada por FEGADACE entre as persoas que tiveron un ictus. Unha vez recollidos, procesaranse e analizaranse para extraer conclusións, que determinarán o coñecemento que teñen as persoas sobre os recursos á súa disposición e as necesidades obxectivas que lles xorden durante todo o proceso desde que se produce a lesión cerebral.

As conclusións serán presentadas o próximo ano nun acto público, e agárdase que sexan tidas en conta pola Administración. Só dese xeito se poderá responder ás necesidades de cada persoa e de cada familia con dano cerebral adquirido.