Diante da escaseza de auga, a prioridade é a veciñanza!

Publicado por o día 04/10/2018 na sección de Galicia,Pontevedra

Diante da escaseza de auga, a prioridade é a veciñanza!

De acordo coas declaracións do Concelleiro Raimundo González, o caudal do Río Lérez empeza a ser preocupante e, se como parece, as chuvias tardarán en chegar, poida que en pouco tempo esteamos a falar de situacións de escaseza de auga para a poboación.

Desde a APDR, consideramos fundamental que desde as administracións públicas se potencien políticas de consumo responsábel entre a poboación, tanto da auga como doutros bens escasos como os enerxéticos; nese sentido, facemos un chamamento para que en situacións como a actual, se eviten aqueles consumos públicos ou privados que poidan resultar prescindíbeis. E teñen que ser as administracións as primeiras en actuar consecuentemente para dar exemplo á cidadanía, limitando o gasto da auga naqueles servizos comunitarios que poidan ser menos necesarios ou tomando decisións que eviten, na medida do posíbel, ter que tomar medidas de restrición no servizo do auga ás persoas.

E, polo que fai ao Concello de Pontevedra, terá que tomar as decisións necesarias para conseguir limitar o consumo da auga do Lérez sen privar deste servizo á cidadanía, actuando sen máis demora -e antes de tomar a decisión de botar man da reserva do Pontillón do Castro- sobre aqueles consumos que máis contribúen á baixada do seu caudal. Coa vista posta neste obxectivo, resulta evidente que a primeira medida será esixir á empresa ENCE que mentres se manteña esta situación de escaseza de auga, restrinxa o gasto deste prezado ben, e mesmo que, de continuar a situación, paralice a produción.