Díaz: “Estamos satisfeitas de que os que saquearon o país entren na cadea, pero aínda teñen que asumir responsabilidades fronte o que fixeron coas caixas”

Publicado por o día 17/01/2017 na sección de Esquerda Unida,Política,Vigo

Díaz: “Estamos satisfeitas de que os que saquearon o país entren na cadea, pero aínda teñen que asumir responsabilidades fronte o que fixeron coas caixas”

“Diante da decisión da entrada en prisión dos responsables das caixas galegas o que temos que dicir é que esta medida non é suficiente”, asegura Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea ao valorar a decisión da Audiencia de ditar ingreso en prisión para a antiga cúpula de Novacaixagalicia (NCG).

Segundo explica Yolanda Díaz, “estamos satisfeitas de que, por fin, aqueles que saquearon o noso país, que nos empobreceron e que fixeron que sobre nós pesaran recortes entren na cadea, aínda que é certo que queda unha parte substancial do que fixeron coas nosas caixas sen esclarecer e sen tomar  responsabilidades sobre as mesmas”.

 “Soamente entran en prisión por dous anos por unha pequena cuestión, que son unhas indemnizacións archimillonarias que se adxudicaron a si mesmos, aínda que queda sen depurar responsabilidades, sobre todo, o que tivo que ver co desmantelamento do sistema financeiro do noso país e con esa decisión nefasta que foi a fusión das caixas galegas, e de todo o que ten que ver con ese buraco galego que supuxo máis de 9.000 millóns de euros que pagou Juan Pueblo e que ademais sufrimos a base de recortes”.

Polo tanto, “queda seguir pelexando para que se salvagarde a verdade e que se restableza o dano que se fixo ao noso país”, remata Díaz.