Díaz Mouteira destaca que a formación é clave para mellorar a empregabilidade

A delegada territorial da Xunta en Ourense comprobou o desenvolvemento dun curso para desempregados en pintura de vehículos que se imparte nun taller de San Cibrao das Viñas
Por o 06/03/2019 | Sección: Emprego,Galicia,Ourense
Díaz Mouteira destaca que a formación é clave para mellorar a empregabilidade

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe a empresa ‘Talleres José María’ na que se está a desenvolver un curso AFD, accións formativas para persoas desempregadas, da especialidade Pintura de vehículos.

Durante a visita a esta empresa emprazada no concello de San Cibrao das Viñas, Díaz Mouteira incidiu na importancia da formación de cara á mellora da empregabilidade.

O curso, programado para 15 alumnos, comprende a formación nas operacións que teñen por obxecto protexer, preparar e pintar superficies metálicas e sintéticas en vehículos, aplicando as técnicas e procedementos precisos en cada caso e conseguindo a calidade requirida en condicións de seguridade.

As unidades formativas do curso suman 500 horas de duración que se distribúen da seguinte maneira: técnicas de enmascarado (30 horas), protección de superficies (80 horas), igualación e preparación de superficies (90 horas), prevención de riscos laborais e medioambientais en mantemento de vehículos (30 horas), pintado de vehículos (90 horas),
pintado de vehículos por difuminado (90 horas), técnicas de reacondicionamento e preentrega (50 horas) e, por último, un módulo de prácticas non laborais (40 horas).

A formación abrangue, entre outras, especialidades das familias formativas de Administración e xestión, Servicios socioculturais á comunidade, Comercio e marketing, Electricidade e electrónica, Fabricación mecánica, Imaxe persoal, Transporte e mantemento de vehículos.

Ademais, esta empresa tamén foi adxudicataria de outros dous cursos AFD, un de Mantemento de elementos non estructurais de carrocerías de vehículos e outro de Operacións auxiliares de mantemento en electromecánica de vehículos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.