Díaz Mouteira inaugura o foro de expertos que buscarán solucións ao problema do botellón

A delegada territorial da Xunta en Ourense indicou que as altas taxas de consumo de alcohol na mocidade constitúen un problema sanitario de primeira magnitude
Publicado por o día 15/12/2017 na sección de Xunta de Galicia

Díaz Mouteira inaugura o foro de expertos que buscarán solucións ao problema do botellón

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou onte na inauguración dun foro que organiza a Consellería de Sanidade, o Concello de Ourense e a Fundación Galega contra o Narcotráfico, para buscar solucións ao problema do botellón. O salón de actos da Delegación Territorial acolle durante a xornada esta reunión na que participarán profesionais dos servizos sociais, sanidade e condutas aditivas, seguridade, educación, psicoloxía e socioloxía, e representantes da administración municipal, autonómica e estatal, así como representantes de colectivos xuvenís. Estes expertos aportarán a súa visión e proporán solucións concretas, cada un desde o seu ámbito de actuación.

O acto de inauguración contou coa presenza dun membro da Fundación Galega contra o narcotráfico, Manuel Isorna; a xefa de servizo do Plan Nacional sobre drogas, Patricia Santa-Olalla; e a concelleira de Saúde e Benestar Social do concello de Ourense, Sofía Godoy.

Marisol Díaz lembrou que as altas taxas de consumo de alcohol constitúen un problema sanitario de primeira magnitude na sociedade actual, con importantes causas e derivacións de orde psicolóxico e social que afectan a toda a comunidade. Ademais, engadiu que o problema toma unha especial gravidade cando se fala de consumo na mocidade, porque incrementa notablemente as posibilidades de adicción, así como polos graves danos sanitarios, psicolóxicos e de relación que comporta.

A delegada territorial indicou que o botellón é “unha realidade difícil, un problema coñecido pero en absoluto resolto, ante o que é necesario intervir” e subliñou que a nosa sociedade ten a necesidade e a obriga de buscar e atopar solucións eficaces para garantir a saúde e o benestar de toda a poboación.