Díaz Mouteira participou no acto de homenaxe aos 115 traballadores do Sergas de Ourense xubilados o pasado ano

A delegada territorial da Xunta agradeceulles o seu esforzo e implicación por contribuír a mellorar a saúde dos pacientes e o benestar dos usuarios da sanidade pública ourensá
Publicado por o día 25/02/2018 na sección de Sanidad

Díaz Mouteira participou no acto de homenaxe aos 115 traballadores do Sergas de Ourense xubilados o pasado ano

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, asistiu o pasado mediodía ao acto de homenaxe aos 115 traballadores da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras que se xubilaron o pasado ano 2017. Díaz Mouteira salientou a dedicación destes traballadores e destacou a importancia de honrar o labor dos diferentes colectivos que constitúen, segundo indicou, a base fundamental do Servizo Galego de Saúde. “Temos unha sanidade que investiga, que forma magníficos profesionais, que prevén enfermidades, promove a saúde e ofrece unha atención primaria e hospitalaria de calidade”, aseverou.

No acto tamén participaron o xerente de Xestión Integrada de Ourense, Dionisio López, e outros representantes do equipo directivo, xunto cos traballadores xubilados e os seus familiares.

A delegada territorial agradeceulles aos homenaxeados a súa entrega ao coidado dos pacientes e incidiu na idea de que “a sanidade galega non sería a mesma sen o compromiso e a implicación dos seus profesionais” .

Dos xubilados o pasado ano no Sergas o grupo máis numeroso procede do CHUO, 80, mentres que 9 son do Barco de Valdeorras e 3 de Verín. Por último, 25 traballadores homenaxeados prestaron os seus servizos en Atención Primaria.