Dieter Moure: “As propostas de Compromiso favorecen ao tecido empresarial e á sociedade”

Bascuas: “Propoñemos a dación en pagamento, aplicada tamén para o ben inmoble do empresariado”.
Publicado por o día 19/09/2016 na sección de Compromiso por Galicia,Eleccións Galegas,Vigo

Dieter Moure: “As propostas de  Compromiso favorecen ao tecido  empresarial e á sociedade”

”Temos que fusionar o IGAPE e o Xes Galicia nunha única institución de crédito que recupere os espírito das caixas de aforro”.

“Que a xente que comeza a súa primeira actividade estea libre de pagar taxas e tributos autonómicos”.

Xoán Bascuas, candidato á Presidencia da Xunta por Compromiso por Galicia, e Orlando Villamayor, secretario de comunicación, reuníronse esta mañá en Santiago con Antonio Dieter Moure, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia. Na reunión tratáronse as propostas que Compromiso por Galicia leva no seu programa electoral.

“Do que falamos foi de facer país. Facer país colaborando tamén coa CEG. Falamos da economia galega e dos compromisos que no seu programa inclúe Compromiso por Galicia. As súas propostas favorecen tanto ao tecido empresarial como á sociedade galega en xeral e creo que teñen un criterio de sentido común”, salientou Dieter Moure.

Pola súa banda, Xoán Bascuas agradeceu o acollemento do presidente da Confederación de Empresarios de Galicia e falou das propostas que Compromiso leva no seu programa, tanto para as pemes, como para as empresas de maior tamaño, como para a sociedade galega en xeral. “Propoñemos a dación en pagamento, aplicada tamén para o ben inmoble do empresariado. Ás veces chega a crise e non se dá remontado e a xente que  arriscou o seu capital e o seu proxecto vital ten que saír do atranco no que se atopa.

Pensamos que esta pode ser unha gran axuda”.

Bascuas falou da necesidade de crear unha institución pública de crédito. “Temos que fusionar o IGAPE e o Xes Galicia nunha única institución de crédito que recupere o espírito das caixas de aforro. Non só enfocada ao tecido empresarial ou hipotecario senón que tamén xere un investimento social. Tamén destacou a importantancia de internacionalizar as empresas galegas, para o que falou do Observatorio para a Internacionalización de Productos e Servizos. “O empresario que queira sacar o seu produto cara a fóra, que dispoña dunha institución que lle bote unha man”, dixo.

O candidato de Compromiso destacou tamén a necesidade de axudar aos emprendedores. “Que a xente que comeza a súa primeira actividade estea libre de pagar taxas e tributos autonómicos: o que buscamos é axudar á xente a sacar adiente a súa primeira empresa”. No mesmo sentido falou da facilitar o proceso de creación de empresas coa Xanela Única: “Que haxa un único lugar onde o emprendedor ten que ir para resolvelo todo”.