En loita contra o macroproxecto do campo de golf e outros servizos no monte da Groba en Baiona

Publicado por o día 08/09/2017 na sección de Baiona,Galicia,Medio Ambiente

En loita contra o macroproxecto do campo de golf e outros servizos no monte da Groba en Baiona

Comunicado Co-mando Ghichas

Entre Chan da Lagoa e O Cortelliño, no monte da Groba (onde esas míticas vistas das que moitos presumimos cando nos visita alguén de fóra), pretenden construír unhas macroinstalacións deportivas, máis de 700000 metros de superficie, entre outras cousas cun campo de golf e un curro como espectáculo para turistas, piscina, centro hípico, centro “social”, deportes aéreos…

Parte das terras serán expropiadas á Comunidade de Montes de Baredo sen posibilidade de oposición. A inversión millonaria será pública 14 millóns de € para comezar. A xestión e enriquecemento, privados. A desfeita paisaxística e medioambiental está servida.

Aprobarán o proxecto o 14 de Setembro se non facemos nada para impedilo…

Presentarase unhas alegacións ao proxecto para difundir como información á veciñanza e unha folla modelo de alegacións que fixeron desde o Co-mando Ghichas a partir da información recollida nos documentos publicados para presentar no concello antes do 14 de setembro. Calquera persoa  pode entregala.

As alegacións espoñen

Diante da exposición pública do documento para a aprobación inicial do Plan Especial de Dotación e Infraestruturas As Costeiras (P.E.4), lido o mesmo así como do Resumo non Técnico do Estudo Ambiental.

Estratéxico

O proxecto xustifícase como unha “necesidade social e económica” para o pobo de Baiona. Non existe realmente esta necesidade. Tampouco é certo que se vaia a aumentar o turismo “non estacional” . En Galicia hai máis de 30 campos de golf: 8 deles na provincia de Pontevedra. Moitos dan perdas como tal. Os afiliados na federación galega están baixando dende hai 10 anos. Non cremos que se utilicen no inverno estas instalación deportivas, nin campo de golf, nin curro, nin as múltiples pistas deportivas, de deportes aéreos, recreativas…

Tampouco cremos que sexan usadas en calquera época do ano polas xentes de Baiona, en tal caso o escaso número posible non xustifica a enorme desfeita medioambiental e o despilfarro económico que suporía de levarse adiante este megaproxecto.

Economicamente tampouco van ser para as xentes de Baiona os posibles beneficios. Xa que non van ser as empresas de Baiona as que leven adiante as obras (desterros, construción, subministros, enerxía, apertura de vías, pistas deportivas…) nin tampouco a súa explotación, se ben poderíase crear algún posto de traballo como os que se adoitan incrementar durante o verán, contratos temporais, soldos mínimos…)

Os 14 millóns de euros que se calculan como investimento inicial son un gasto irresponsable e innecesario que debería empregarse de xeito máis respectuoso coas verdadeiras necesidades do pobo.

A dotación e expropiación do público, do que é de todos/as, é inmensa e e en moitos aspectos irrecuperable como así o indica o estudo.700.000 metros cadrados de monte, auga, terreos do monte comunal, paisaxe, biodiversidade, patrimonio. De novo trátase de privatizar o común.

As consecuencias medioambientais son enormes e sen volta atrás:

A Auga

A pesares de que se indica non plan que os “acuíferos non se van tocar” na páxina 10 do resumo Técnico dise: ”Dito estudo realizouse principalmente para vela viabilidade da instalación se unicamente estivera dispoñible a escorrentía superficial das regatas da zona, pero non pecha a porta a outras fontes de auga, coma os pozos, aínda que sexa en casos excepcionais” do que se entende que si se poden tocar os acuíferos.

As necesidades só do campo de golf (preténdese comezar por un de 9 foxos e logo amplialo a 18): Calcúlase que as necesidades de rega dun campo de golf de 18 foxos medio (4050hectáreas) superan os 500.000 m3 anuais, con consumos diarios nos meses de verán duns 3.000 m3. Pero ademais precísase tamén para a piscina, duchas, cafetería, rega…

A contaminación da auga

Os campos de golf son monocultivos. O seu mantemento esixe a aplicación intensiva de produtos químicos (fertilizantes e praguicidas) que, arrastrados polas augas de rega e polas choivas, contaminan as augas subterráneas e provocan a perda de biodiversidade.

O céspede dos campos de golf é un cultivo moi vulnerable, que necesita un uso intenso de herbicidas para impedir a invasión doutras especias vexetais; tamén, para facer fronte a unha gran cantidade de insectos e de fungos, hai que tratar o céspede e o chan con insecticidas e funxicidas.

En canto aos fertilizantes, aos campos de golf aplícanselle sobre todo inxentes cantidades de abonos químicos nitroxenados que salinizan o chan e contaminan os acuíferos.

Os biocidas imprescindibles para o mantemento dos campo de golf circulan a través da auga, do chan e da atmosfera. Ao ser tóxicos, persistentes, bioacumulativos e pouco selectivos, non atacan só ás especies consideradas “non desexadas”, senón que tamén afectan as persoas expostas e poden danar e matar aves e outras especies silvestres que vivan nos hábitats próximos.

Especies en perigo e desfeita da paisaxe

É ineludible que os Campos de Golf afectan á fauna e a flora nas zonas onde se instala que entre outras catalogacións legais atópase especies de interese comunitario como os brezais húmidos que se recoñecen no propio plan.

O cabalo galego, especie autóctona. Como se vai protexer? As súas zonas de paso? Pastos?

Estarían en perigo as aves, insectos, vermes, animais acuáticos…debido á contaminación por agroquímicos da que falabamos no punto anterior. E tamén pola desfeita da súa contorna.

Roturación para abrir camiños e estradas

Movementos de terras para aplanar a zona e construír o campo de golf e demais infraestruturas. Serán irreversibles, modificarán zonas de pasos aos animais, provocarán danos nas conducións hídricas do chan e o subsolo.

O proxecto produciría unha distorsión, ao introducir elementos como os “parterres” de xogo (verdes todo o ano), as construcións asociadas, etc. que non son naturais da zona e que distorsionarían altamente a afección visual .

O resto das edificacións: piscina, curro, parque infantil…

Introdución de herbáceas foráneas para a práctica desta actividade, que sen dúbida, son un risco para os hábitats. Nese sentido, consideramos de igual maneira negativos os impactos ocasionados pola roturación da vexetación actual incluída o arboredo.

Movemento de autos continuo para a recollida do lixo,aparcadoiros, subministros… Tendido eléctrico novo, que afecta tamén a aves, camiños de paso de animais… As conducións de canles…

Sanemaento

Copia do plan: “Dado que o punto de conexión máis próximo á rede de augas residuais atópase a 1.900m en liña recta e o escaso volume de augas residuais a verter fan necesario estudar un sistema autónomo que solucione o tratamento destas augas. Dentro das posibilidades de tratamento valorarase a reutilización das augas grises e mesmo as depuradas para diferentes labores dentro do ámbito.” … “En cuanto al saneamiento, se había previsto una depuradora, pero finalmente se conectará a la red general en Fontes”.

Segundo estas afirmacións contraditorias parece que ou ben se pretende construír unha depuradora para o proxecto ou que o saneamento connectarase á rede xeral cando Se sabe que Baiona leva anos con problemas coa depuradora sen conseguir que se arranxen, xa que a que hai é insuficiente, sobre todo no vrán, sumáriase á mesama as augas residuais desta zona de 700 000 metros cadrados.

Urbanización do solo

Os campos de golf, unidos sempre á urbanización do territorio, son a escusa de moda para reclasificar terreos agrícolas que habería que protexer e obter así, beneficios millonarios á conta da depredación do territorio.

Neste caso xa hai edificacións varias proxectadas. (Centro social, vestiarios, cafetería…) Estas construcións “ NON PODEN SOBREPASAR EN 5 METROS UNHA PLANTA” segundo o plan de dotación. Quere dicir isto que terán unha altura de tres plantas? Quen asegura que co tempo non se recalifique o solo como adoita acontecer?

Por todo isto SOLICITAN:

Se DESISTA de continuar coa tramitación do Plan Especial de Dotación e Infraestruturas As Costeiras (P.E.4) do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Baiona, sen que se produza modificación da cualificación do solo, continuando este como rústico de protección forestal.

3 Respuestas a "En loita contra o macroproxecto do campo de golf e outros servizos no monte da Groba en Baiona"