Dimisión Reitor da Universidade de Vigo

Publicado por o día 23/01/2015 na sección de Social

Dimisión Reitor da Universidade de Vigo

A Asemblea pola Defensa da Universidade de Vigo (ADUVi) denuncia que os responsábeis da Universidade de Vigo (Reitor, Xerencia, Directora da Unidade de Igualdade) permiten dende hai máis de quince anos o envío de correos electrónicos á comunidade universitaria que son manifestacións reiteradas de discriminación e de agresión contra persoas que defenden a incorporación efectiva do principio de igualdade entre os homes e mulleres en todos os ámbitos da comunidade universitaria.

O Reitor, Salustiano Mato de la Iglesia, o Xerente, Manuel Fernández Jáuregui, e a Directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel González Penín, non actúan na defensa da igualdade como unha ferramenta política e social indispensábel no funcionamento da nosa Universidade, e permiten que un grupo de traballadores continúe teimudamente a insultar e desprezar non só campañas de denuncias de acoso sexual, senón tamén simples recomendacións de libros feitas por membros da comunidade universitaria, empregando para estas e outras cuestións verbas e expresións rexeitábeis e condeábeis. Resulta máis grave aínda que ese grupo de traballadores promova e produza difamacións e acusacións sen motivos, sen fundamentos e utilizando para as súas argumentacións datos que corresponden a información administrativa e persoal á que non deberían ter acceso.

En concreto, un funcionario da Universidade de Vigo, Sergio Pajares Domínguez, ven desde hai máis de quince anos enviando correos electrónicos á comunidade universitaria que son mensaxes que incitan o uso da violencia, e que representan unha manifestación continua de discriminación social, cultural e sexual a base de burlas e vexames continuas dos esforzos pola igualdade provintes do ámbito feminista. Así mesmo, os mails deste traballador veñen continuamente amosando actitudes prepotentes, machistas, misóxinas, homófobas e constitutivas de apoloxía da violencia.

Unha denuncia previa diante da Secretaria da Muller da CIG ten provocado a expulsión de Sergio Pajares da central sindical como representante do persoal administrativo da Universidade de Vigo así como o inicio dun proceso de investigación sobre a presunta connivencia -ou estímulo- por parte dos restantes membros da CIG PAS nas actitudes prepotentes, machistas, misóxinas, homófobas e constitutivas de apoloxía da violencia por parte deste traballador.

Sergio Pajares e os seus colegas, varios deles vinculados á CIG PAS Universidade de Vigo, veñen empregando as listas da Universidade de Vigo como vehículo de mensaxes que utilizan unha linguaxe puramente tabernaria e provocadora en contra dos dereitos e as liberdades fundamentais das persoas, que son unha manifestación de discriminación cultural a base da denigración e difamación do desenvolvemento profesional realizado por diferentes docentes, unha manifestación de discriminación cultural, social e sexual empregando insultos contra as propostas do PDI, un continuo acoso moral cheo de inxurias contra certos PDI coa intención de violar a súa intimidade e danar o seu honor e a súa imaxe de xeito permanente dentro da comunidade universitaria, violando así mesmo o dereito á protección de datos persoais, e nos que se envían abertamente a toda a sociedade videos insultantes, inxuriosos e impropios dun funcionario da Universidade de Vigo que representan unha realización continua de usos ilícitos dos recursos:

https://www.youtube.com/watch?v=-VSG7rQmF4o
https://www.youtube.com/watch?v=d6ZGuXJGtt8
https://www.youtube.com/watch?v=_GQuWCIIDMQ

Por todo isto, ADUVi esixe a inmediata dimisión do Reitor, Salustiano Mato de la Iglesia, o Xerente, Manuel Fernández Jáuregui, e a Directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Anabel González Penín de Igualdade da Universidade de Vigo, pola gravísima connivencia destes responsábeis dunha universidade pública cun grupo de membros da comunidade universitaria aos que lles permiten dende hai anos comportamentos prepotentes, machistas, misóxinos, homofóbicos e violentos.

PRENSA ASAMBLEA POLA DEFENSA DA UNIVERSIDADE DE VIGO