Dimisións no Consello Cidadán Galego de Podemos Galicia

Publicado por o día 10/02/2016 na sección de Podemos,Política

Dimisións no Consello Cidadán Galego de Podemos Galicia

“É tempo de traballar a prol dunha alternativa de cambio para Galiza, e para iso é preciso que teñamos unha organización forte”

As dez persoas que dimitiron dos seus cargos no Consello Cidadán Galego de Podemos Galicia, Ángela Rodríguez Martínez (deputada no Congreso), Antón Gómez-Reino Varela (deputado no Congreso), José García Buitrón (senador), Francisco Javier Sánchez Lombardero, Marcos Fontán Cortizo, María Lourdes Sylla García, Borja San Ramón Tizón, Adrián Fuenteseca Fernández, Sigrid Campo e Matilde López Álvarez, queren manifestar que tomaron esta decisión polas seguintes razóns:

“Pensamos que tanto a inactividade na que se atopaba a organización como a negativa da secretaría xeral a escoitar as propostas orientadas a acadar un consenso, situaban a Podemos Galicia nunha posición de debilidade clara para afrontar o próximo envite electoral. Por iso, entendemos que o novo tempo que se abre en Podemos Galicia debe considerarse unha verdadeira oportunidade para constituír unha organización forte, eficaz e unida que traballe por unha alternativa de cambio para Galiza que termine coas políticas do Partido Popular.

Consideramos que a opción capaz de gañar o goberno da Xunta de Galiza para todas as galegas e galegos artellarase dende a suma e dende a unidade, como se amosou nas urnas o 20D cos resultados acadados por En Marea, dos que estamos orgullosas e orgullosos. Cremos necesario reflexionar colectivamente sobre as alianzas cidadás e políticas para fortalecer as opcións de cambio, fronte á liña que seguiu a secretaría xeral nos últimos tempos, que só serviu para desperdiciar un tempo valiosísimo e para demostrar a súa incapacidade para ler o contexto político actual e para seguir os ritmos da axenda política galega.

Agora ábrese un novo tempo onde as bases de Podemos Galicia poderán expresar a súa opinión e terán ocasión de decidir que persoas deben liderar o proxecto que eles mesmos desexen para Galiza. Será unha oportunidade de reforzar a organización e de demostrar que efectivamente en Podemos as decisións descansan sobre a intelixencia colectiva”.

PRENSA PODEMOS GALICIA