Directivos por un día, vocacións para unha vida

A crise sanitaria fixo que algúns encontros se realizasen de xeito virtual
Publicado por o día 14/07/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Directivos por un día, vocacións para unha vida

Coñecer o traballo diario dunha empresa, saber cales son as tarefas que realizan os seus responsables, vivir en primeira persoa a xornada dun executivo ou executiva. Esta é a experiencia que ofrece o programa Directivos por un Día, unha iniciativa de AED (Asociación de Directivos) e a Fundación Junior Achievement, co apoio de Deloitte. A finalidade é que mozos e mozas que están a piques de rematar a súa carreira poidan compartir unha xornada de traballo con altos responsables de empresas da contorna. Deste xeito, por unha banda foméntase o desenvolvemento das persoas que levarán as rendas das empresas no futuro e, por outra, permite un achegamento do alumnado ao mercado laboral. No pasado curso participaron neste programa 51 estudantes da Universidade de Vigo, unhas estadías que no primeiro cuadrimestre se desenvolveron de xeito presencial e no segundo, pola crise do coronavirus, de xeito telemático e, nalgúns casos, en persoa nas últimas semanas.

Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo, explica que este programa brinda ao alumnado seleccionado unha “moi boa oportunidade, no só para que poidan orientar as súas metas persoais e profesionais, senón tamén para axudarlles a gañen consciencia sobre o seu potencial e sobre a necesidade de novas habilidades e competencias que puidesen ser necesarias de cara á súa incorporación no mercado laboral”.

A través destas xornadas compartidas con directivos e directivas, o alumnado pode coñecer de primeira man como son as empresas, como funcionan, os labores dos directivos e as habilidades necesarias para acadar os seus obxectivos profesionais. Tamén lles serve para potenciar e promover a orientación académico-laboral de cara ao seu futuro profesional e, ao tempo, poden comprender as competencias, habilidades e valores requiridos no mercado laboral por parte dos equipos directivos. Ademais, mozos e mozas poden achegarse a un ou unha profesional de contrastada traxectoria, de quen podan aprende valores, actitudes e comportamentos positivos e de utilidade.

Andrés Gómez, estudante de ADE, que fixo o seu encontro en Deloitte Coruña

Experiencia en primeira persoa

Entre os que puideron gozar esta xornada compartida de xeito presencial está Elisa Castiello, que coñeceu de primeira man a empresa Deloitte. Ademais, esta estudante da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo foi seleccionada para facer outra estadía na Fundación Princesa de Asturias, un premio que quedou en suspenso ata o vindeiro curso pola crise sanitaria.

No seu paso por Deloitte, a estudante viguesa estivo acompañada por Diana María Soto, socia da empresa, á que define como unha extraordinaria persoa e aínda máis profesional” que a axudou a que esta experiencia se convertese nunha “oportunidade absolutamente positiva. Persoas coma ela merecen estar onde están porque o ganan a pulso coa suor da súa fronte”, remarca. Tras coñecer o traballo diario dun directivo, considera que é unha tarefa “ardua” pero tamén apunta que para “crecer profesional e persoalmente hai que vivir todos os puntos de vista posibles e que mellor ocasión para facelo que esta marabillosa oportunidade ofrecida pola UVigo?”

Sobre os motivos que a levaron a inscribirse en Directivos por un Día, Castiello relaciona a resposta coa súa vida persoal. “Por sorte tocoume traballar para financiarme os estudos”, recoñece, e aínda que considera que “o normal é dicir que é un encordio” ter que compaxinar “8 ou 10 horas de traballo cos estudos”, a ela serviulle para “optimizar cada segundo do día a día e tomar conciencia do esforzo dos teus pais e da túa familia, por verte cumprir un soño”. Coa vista posta xa no futuro, agarda que todo o vivido neste programa a axude, por exemplo, a replantexarse proxectos que tiña en mente, “sáeche unha carraxe indubidable por ir a conseguilos, sen titubear un instante”.

Actualmente, Castiello está a realizar o seu traballo fin de grao baixo a dirección do profesor Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, sobre a lexislación das embarcacións de recreo, pesca deportiva e análise dos Airbnb neste tipo de barcos.

Medio milleiro de estudantes de toda España

Nesta edición de Directivos por un Día, en Galicia participaron 115 empresarios e estudantes, mentres que no conxunto de España implicáronse medio milleiro de alumnos e alumnas de 18 universidades de Madrid, Cataluña, Galicia, Valencia, Canarias e Andalucía, principalmente dos últimos anos de carreiras técnicas, como enxeñarías ou graos tecnolóxicos, así como de Administración e Dirección de Empresas, Economía ou Dereito, entre outras. Xunto con eles estiveron directivos de 264 empresas de todos os sectores produtivos, como Deloitte, CaixaBank, Randstad, Nissan, Naturgy, Mutualidad de la Abogacía, Manpower, Cámara de Comercio de España, SegurCaixaAdeslas, Fujitsu, Telefónica, Repsol, EY, Cuatrecasas, Banco Sabadell, Northgate, Grupo Ilunion, EY, KPMG, Everis, Nervo, Steelcase, AmropSeeliger&Conde, PeopleMatters, WoltersKluwer,Jealsa, Estrella Galicia ou Nueva Pescanova.

Pero se algo marcou esta terceira edición do programa foi a crise da covid-19, que fixo que tan só se puidesen celebrar unha parte dos encontros antes do confinamento. Sen embargo, neste mes de xullo retomáronse as estadías adiadas ben de xeito presencial, ben virtual. Pero esta nova quenda de encontros está tamén permitindo ao estudantado coñecer como foi a xestión da crise sanitaria nas empresas e as consecuencias desta situación no mercado laboral. Os directivos comparten así cos estudantes as súas aprendizaxes ao longo destes tres meses e as perspectivas de futuro que agoiran.

Comentar noticia

Your email address will not be published.