Director Xeral CRTVG recoñece no Parlamento 1.600.000€ de fraude á Seguridade Social, que considera “cantidades insignificantes”

Publicado por o día 29/10/2015 na sección de CUT,Sindicatos,Vigo

Director Xeral CRTVG recoñece no Parlamento 1.600.000€ de fraude á Seguridade Social, que considera “cantidades insignificantes”

Durante a Comisión de Control desta mañá, na pregunta motiva pola denuncia da CUT na Inspección de Traballo, o Director Xeral recoñecía máis de millón e medio de euros de “desviación máxima”, cando o límite para a responsabilidade penal está en 50.000, con ata 5 anos de pena de prisión. A CUT estudará a vía penal contra a Dirección da CRTVG.

As declaracións do Director Xeral esta mañá na Comisión de Control da CRTVG en resposta ás preguntas dos grupos AGE, BNG e PSdeG resultaron reveladoras. Se ben insistiu en encubrir a fraude da cotización existente en “discrepancias técnicas sobre criterios de contabilización pendentes de acordo técnico” acabou por recoñecer que as cantidades reiteradamente cualificadas de “insignificantes” na infracotización son calculadas pola dirección do medio nunha “desviación máxima por baixo dos 400.000 euros anuais”, o que sumarían polos seus cálculos 1.600.000 euros polos catro anos que a Inspección da Seguridade Social pode regularizar.

A CUT coincide coa petición dos grupos parlamentarios de AGE e o BNG de que se asuman as responsabilidades políticas por estas actuacións fraudulentas e Sánchez Izquierdo sexa cesado de xeito inmediato, e que se varíe de urxencia a reforma da lei de medios públicos na que o PP blinda o seu mantemento no cargo, publicada na lei de Acompañamento do proxecto de lei de Orzamentos 2016.

Para a CUT estas declaracións constitúen unha mostra máis da falta de respecto coa que o Director Xeral trata ao Parlamento Galego, ao pretender desacreditar a denuncia presentada por esta central sindical dando datos que non se corresponden coa realidade, como a referencia a inexistentes acordos no seo da Comisión Paritaria entre a Dirección e o Comité de Empresa. A este sindicato preocúpalle especialmente o talante antidemocrático do responsable dun medio público de radiotelevisión despois de ter recoñecido utilizar este medio como instrumento para defraudar a outra Administración Pública esencial, como é a Seguridade Social.

Este sindicato segue atendendo todas as problemáticas derivadas desta defraudación, e o significativo impacto nas prestación das traballadoras e traballadores como o desemprego, as maternidades, as incapacidades, as xubilacións, etc. Logo do recoñecemento explícito por Sánchez Izquierdo dunhas cifras -que ao entender da CUT, están maquilladas- consideramos que constitúen un inaceptable incumprimento laboral, administrativo e mesmo penal, polo que a CUT comezará hoxe a facer un estudo detallado de todos os elementos para decidir a súa actuación pola vía criminal.

PRENSA CUT GALICIA