O director xeral de Augas da Xunta de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, afirmou hoxe na Comisión de Pesca do Parlamento que os índices de mortandade e de diminución de ameixa (fina e babosa) e de berberecho nos bancos marisqueiros da ría de Pontevedra non ten a ver coa contaminación senón “con causas naturais”, con fenómenos semellantes, na súa opinión, aos que se producen en todas as rías do país.
O director xeral respondeu deste xeito á pregunta realizada pola vicevoceira 2a do GP En Marea e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, sobre a afección da contaminación da ría no marisqueo, así como sobre as previsións do Plan de Saneamento integral da mesma e os riscos de Ence e Elnosa para o sector.
Carmen Santos lamentou os argumentos ofrecidos polo representante do goberno e ironizou coa resposta, pois se a contaminación non ten nada que ver, dixo a deputada, cómo se entenden as sancións impostas pola Unión Europea ou os informes realizados por investigadores biólogos, que ratifican as críticas dos mariscadores e mariscadoras, que son os que sofren de forma directa, nos seus petos, nos seus postos de traballo, a diminución destes moluscos.
Santos lembrou que dende 2009 a 2016 a diminución de extración de ameixa babosa foi de algo máis do 88 por cento; a de ameixa fina de máis do 60 por cento e a do berberecho do 97 por cento.
Datos que non foron refutados polo director xeral, que recoñeceu que a evolución nestas especies era negativa pero asegurou que se compensaba co grande crecemento da ameixa xapónica.
Neste sentido, a parlamentar preguntouse se Roberto Rodríguez estaba a rirse da xente do mar, pois de todos é sabido que a ameixa xapónica é unha especie foránea que ten moitísima máis resistencia aos episodios contaminantes e ao transporte para manterse máis tempo viva nos restaurantes e viveiros que calquera das especies autóctonas.
Santos engadiu que, ademais, a Xapónica é de calidade moi inferior, cuns prezos, por tanto, máis baixos, dos que os mariscadores e mariscadoras son os principais perxudicados.
Para a deputada, tampouco é de recibo que o director xeral fale de que hai máis marisco porque hai máis carnets, “é como dicir que porque se sacan máis permisos de conducir iso xa é sinónimo directo de que hai máis coches circulando” ou parabenizarse de que melloran os prezos, que estes son máis altos, “porque tamén é unha obviedade que se hai menos marisco os prezos teñen que subir”.
Sobre o Plan integral de Saneamento da Ría, a vicevoceira de En Marea e secretaria xeral de PG, valorou que xa se estean facendo investimentos, “só faltaría cos cartos que chegan dos fondos Feder”, mais preguntou polo concepto de “inmediatez” que ten a Xunta, porque a depuración das augas da ría é unha asignatura pendente de anos.
Finalmente, Carmen Santos criticou que o director xeral non dera resposta sobre a responsabilidade de Elnosa e de Ence na contaminación, o que confirma, segundo dixo, que a Xunta é prisionera neste tema da “trama” de corrupción e de portas xiratorias que está a denunciar Podemos, con familias incluso de altos cargos da Xunta implicadas na trama, que anulan sancións á papelera.
A este respecto, aproveitou para lembrar que hai exactamente unha semana, un dos membros do comité de empresa de Ence daba conta de todas estas irregularidades e da contaminación xerada pola empresa nunha das primeiras paradas da ruta do Tramabús en Galicia. “Ás seis da tarde, tranquilos”, ironizou Santos, en alusión ás críticas falsas vertidas polo PP sobre a súa ausencia o pasado venres nunha comisión por estar no Tramabús.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.