A directora da Amtega recibiu hoxe aos responsables do operador Adamo, que lle presentaron o seu plan de despregamento na provincia de Lugo

A Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, especialmente nas zonas menos rendibles
Por o 06/02/2018 | Sección: Galicia,Lugo,Xunta de Galicia
A directora da Amtega recibiu hoxe aos responsables do operador Adamo, que lle presentaron o seu plan de despregamento na provincia de Lugo

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, recibiu esta mañá a responsables do operador Adamo, que lle explicaron o seu plan de despregamento en Galicia. A empresa ten previsto estender fibra óptica en 38 concellos da provincia de Lugo de xeito progresivo durante os vindeiros tres anos.

A Administración autonómica valora positivamente o interese dos operadores privados en investir en Galicia, especialmente nas zonas menos rendibles. A orografía e a dispersión dificultan en gran medida os despregamentos de telecomunicacións na Comunidade, que concentra o 40% de núcleos de poboación de España, e o 90% dos cales teñen menos de 100 habitantes.

Obxectivo europeo: 30 Mbps no 2020

Para salvar estas dificultades e cumprir co obxectivo da Unión Europea de dotar de cobertura de 30Mbps a todos os cidadáns, o Estado, que é a Administración competente en materia de telecomunicacións, e a Xunta, de forma complementaria, están a incentivar o despregamento de redes ultrarrápidas en zonas brancas, aquelas que non dispoñen dunha conexión a internet con estas velocidades e que non resultan rendibles para os operadores.

O Estado adxudicou 21 millóns de euros entre 2015 e 2017 en subvencións públicas a operadores que permitirán dotar de rede ultrarrápidas a uns 900 núcleos e preto 260.000 galegos, nos próximos dous anos. Como medida complementaria, a Xunta, publicou o pasado 15 de xaneiro unha convocatoria de axudas a operadores con máis de 14 millóns de euros para actuar en máis de 26.000 núcleos de menos de 150 habitantes e en 80 de ata 300.

Apoio aos despregamentos

Para impulsar os despregamentos, a Administración autonómica ofrece asesoramento aos concellos, a través da Oficina Técnica de Banda, sobre a concesión de licenzas municipais neste ámbito e a través da Lei 3/2013 de impulso e ordenación das infraestruturas de telecomunicacións de Galicia, establécese o marco legal para facilitar a extensión de redes de telecomunicación.