A directora viguesa Noemi Chantada presenta La Mujer Invisible en Vigo

O filme proxéctase o xoves 2 ás 20h45 no Auditorio do Concello de Vigo. A continuación da proxección terá lugar unha charla coloquio coa autora e algunhas compañeiras de Médicos do Mundo Galicia. A entrada é de balde.
Publicado por o día 30/10/2017 na sección de Cultura,Galicia,Vigo

A directora viguesa Noemi Chantada presenta La Mujer Invisible en Vigo

O vindeiro xoves 2 de novembro ás 20h45 terá lugar a proxección da curtametraxe La Mujer Invisible no Auditorio do Concello de Vigo. O documental, dirixido pola viguesa Noemi Chantada e coa colaboración de Médicos do Mundo Galicia, fala da prostitución en primeira persoa a través de Luisa, a protagonista da cinta. Esta proxección forma parte do programa da Deputación de Pontevedra para a sensibilización e o debate sobre o papel da prostitución na provincia.

Producido por Islandia, o filme busca abordar cuestións acerca de esta profesión chea de tabús, da man de mulleres que comparten os seus días nun apartamento de citas no centro da cidade de Vigo. Cal foi o desencadeante para tomar a decisión, que lles supón e cales son as súas ilusións para o futuro son as liñas que intenta a autora reflectir nesta peza, que na pel de Luisa representa a miles de mulleres que cada día se ven obrigadas a exercer a prostitución.

En palabras da directora, “a situación irregular de moitas mulleres que se dedican á prostitución fixo bastante complicada a busca de protagonista. Tiñan medo a que saír do anonimato supuxera que as encontrasen, as detivesen e as deportasen”. Foi nese punto cando Chantada e Médicos do Mundo Galicia se encontraron: Noemí comezou a traballar como voluntaria nesta asociación independente que traballa para facer efectivo o dereito á saúde de todas as persoas, especialmente daquelas que viven en situación de pobreza, iniquidade de xénero, exclusión social ou son vítimas de crisis humanas.

Noemi Chantada (Vigo, 1982) estudou Imaxe e Son na cidade olívica e completou a súa formación na Escuela de Cine y TV de San Antonio de los Baños, en Cuba, e forma parte do mapa de realizadoras galegas realizado pola Deputación de Pontevedra Cinema e Muller, e encabeza o equipo de La Mujer Invisible, como directora e guionista. A montaxe correu a cargo de Óscar Pardo, cuxa formación se desenvolveu tamén na Escola de Imaxe e Son de Vigo e que traballou como montador en numerosos documentais, galas, eventos deportivos e videoclips. Pardo é co-fundador de Islandia Producciones xunto a Noemi Chantada. Pecha o cadro David Machado a cargo do son, un referente no seu campo que ten traballado en  produción de renome como El Desconocido, de Dani de la Torre, ou Toro, de Kike Maíllo.

La Mujer Invisible foi premiada recentemente co Premio do Público e o Premio do Xurado da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA) no Festival Internacional de Cine Curtocircuíto en Santiago de Compostela, cunha mención especial do xurado da Asociación Galega de Guionistas (AGAG) “pola sensibilidade e respecto á hora de abordar o tema da prostitución”.