Discurso do candidato á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores

Publicado por o día 22/03/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Pontevedra

Discurso do candidato á Alcaldía de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores

Boas noites Pontevedra

Boas noites a todas e todos.

Grazas de todo corazón aos que estades aquí participando neste acto de presentación da candidatura do benegá para ás eleccións municipais do vindeiro 26 de maio.

Como de ben nacidos e ser agradecidos, teño que comezar agradecendo a confianza que Pontevedra nos ten outorgado en ocasións anteriores. Temos traballado arreo para responder a ese apoio e agardamos non ter
defraudado esa confianza que aspiramos a manter e, a ser posíbel, aumentar.

Grazas, moitas grazas.

O BNG non naceu onte en Pontevedra. Temos unha traxectoria ben coñecida.

Xa dicíamos hai vinte que o camiño para Pontevedra era ter fe nas nosas posibilidades e aproveitar as nosas potencialidades.

Diciamos que Pontevedra tiña que ser humilde e intelixente, ter a mentalidade aberta e aprender de todos os lados, de todos, pero non para copiar senón para buscar un rumbo propio, un modelo propio, un proxecto
para Pontevedra feito en Pontevedra.

Diciamos que Pontevedra non debía querer ser o que non somos, senón aproveitar o que temos, o que somos, e ser o que podemos ser, avanzar no que podemos ser.

Vinte anos despois, aínda hoxe as demais forzas políticas non o entenderon, non entenden nada de Pontevedra, non teñen a máis mínima fe nin confianza en Pontevedra.

E seguen a propoñer un futuro de turismo relixioso mariano, ou que o único futuro para Pontevedra sexa ENCE, ter que aturar que sega destrozando os nosos montes e a nosa Ría e aínda por enriba, ter que agradecerllo. As
demais cidades poden recuperar as súas zonas degradadas trasladando industrias, pero Pontevedra non.

Ou propoñen como grandes novidades que copiemos o que fracasou en Oviedo, ou en Valladolid, en Compostela ou en Barcelona. Para as demais forzas políticas os fracasos de afora sempre son mellores que os éxitos de
Pontevedra.

Se miramos arredor, as demais forzas políticas, e sen faltarlle a ninguén, o que atopamos que dunhas se podería dicir aquelo de “pasaba por aquí, pasaba por aquí”, ou sexa, que nin saben nin lle interesa saber de Pontevedra nin do seu futuro; e outras candidaturas ás que vai como anel o de “os resentidos”, os que están contra o mundo e contra Pontevedra.

Todos aceptan que Pontevedra ten mellorado moito nos últimos tempos, uns coa boca pequena e unha inmensa maioría con sinceridade. Pero é a verdade. Pontevedra mellorou moito. Con rumbo certo, mantendo unha liña
de avance decidido e coherente, entre todos e todas, tanto dos que nos votaron como os que non, fomos superando retos e acadando novas metas. A confianza nas nosas posibilidades, a ilusión sostida no tempo, a intelixencia colectiva para escoller os mellores camiños, a coherencia e honradez, o esforzo diario de moitos miles de persoas de Pontevedra, permitiunos mellorar servizos, acadar unha maior calidade de vida, e o máis
importante, cambiar hábitos, comportamentos e expectativas. En definitiva, construímos entre todas e todos un modelo urbano, un modelo municipal do máis avanzado do mundo.

Con toda a razón estamos todas as persoas de Pontevedra, satisfeitas e orgullosas de que a nosa Pontevedriña sexa hoxe unha cidade referente, premiada e recoñecida en todo o mundo. Benvidos sexan todos os premios
e recoñecementos, pero a transformación de Pontevedra non tiña ese obxectivo, senón outro moi diferente, que son as persoas de Pontevedra. Para min, este é o noso grande premio, lograr que as persoas de todo tipo,
nenos e nenas, mozos e mozas, traballadores e traballadoras, vellos e vellas, mulleres e homes vivamos cada vez mellor en Pontevedra.

Co inmenso esforzo colectivo de todos os sectores da sociedade de Pontevedra fomos quen de superar os atrancos que todo cambio supón, sobre todo cando os cambios son tan profundos como os vividos en Pontevedra. E hoxe Pontevedra ten unha base moi sólida, máis sólida que nunca, para avanzar aínda máis rápido, aínda con maior intensidade e profundidade. Por iso estou convencido de que en Pontevedra, o mellor está por vir.

Con rumbo certo temos pasado o máis difícil. Nas primeiras etapas tivemos moitas costas empinadas que subir, moito temporal que capear, moito obstáculo que vadear, moito privilexio que eliminar, moita igualdade que
crear, pero chegamos agora a un punto no que a ruta ten menos dificultades, está moito máis despexada e segura e se pode avanzar con maior velocidade e seguridade.

No horizonte de conseguir unha Pontevedra avanzada, culta, tolerante, cohesionada, igualitaria, inclusiva, innovadora, respectuosa co noso medio e co noso patrimonio, orgullosa da nosa identidade, con alta calidade de
vida e con elevado dinamismo económico e social, temos avanzado moito máis. O mellor está por vir.

No tratamento dos espazos públicos como áreas de convivencia, dinamismo e cohesión social, temos avanzado moito, tanto no urbano como no rural. Din que aínda non chegamos a todos os sitios, pero chegaremos, claro que
chegaremos, avanzaremos na extensión universal ás rúas, barrios e parroquias. O mellor está por vir.

No tratamento dos residuos e nos pasos cara unha economía circular, temos avanzado moito, están dados todos os pasos, sentadas as bases para estender a compostaxe e a separación na orixe a todo o concello. Aprendendo de todo o mundo, deseñamos un plan propio, o Revitaliza, un plan avanzado que xa é referente en Europa e incluso fora. O mellor está por vir.

No ciclo da agua, abastecemento, saneamento e pluviais, neste mundo complexo e descoñecido pero de tanta importancia, temos avanzado moito e xa temos un sistema do mellorciño, e xa conseguimos o mais difícil, o financiamento, para facer a extensión do saneamento a todo o concello. Por iso, o mellor está por vir Nas instalacións e actividades deportivas, no saneamento da Ría e dos ríos, nas festas, na asistencia social, na mellora do monte, nos parques e áreas recreativas, nun transporte público acorde ás necesidades actuais, na promoción da cidade, do turismo, da construción e da economía, etc. Nuns casos temos avanzado moito e, en todos temos sentadas as bases para dar un grande salto adiante. O mellor está por vir.

Nos vindeiros anos vanse a rematar tantas obras como nunca na historia de Pontevedra e nunhas cantidades de cartos como nunca se investiron en Pontevedra, obras por uns 300 millóns de euros. O mellor está por vir.
Con este convencemento nos presentamos ás Eleccións, e por iso pido o voso apoio, porque estou seguro de que Pontevedra pode avanzar aínda máis rápido, porque tanto o meu equipo coma eu temos moitas ideas,
proxectos ambiciosos, experiencia contrastada e, sobre todo, o que é mais importante, unha enorme ilusión para darlle un novo e potente impulso a Pontevedra que mellore o noso porvir.

En Pontevedra, co BNG
O mellor está por vir!