Distinción nacional para o programa do Sergas Úlceras Fóra no que participan máis de 130 profesionais

Na actualidade, cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) conta cunha unidade de feridas liderada por un profesional de referencia
Publicado por o día 03/11/2018 na sección de Sanidad

Distinción nacional para o programa do Sergas Úlceras Fóra no que participan máis de 130 profesionais

O Programa Úlceras Fóra do Servizo Galego de Saúde recibirá a insignia de ouro 2018 do Grupo nacional para o estudo e asesoramiento en úlceras por presión e feridas crónicas (GNEAUPP), a máxima distinción que outorga esta sociedade. Máis de 130 profesionais de diferentes especialidades do Sergas forman o Programa Úlceras Fóra. Este programa enmarca todas as actuacións relacionadas coa abordaxe das úlceras e feridas, co obxectivo de acadar unha maior calidade de vida dos pacientes con esta patoloxía e dos seus coidadores.

Mediante este programa, o Sergas tenta diminuír a incidencia das úlceras por presión por baixo dos estándares marcados; identificar e cuantificar aos pacientes con risco para previlo e, ademáis, establecer coidados preventivos individualizados. Así mesmo, o programa establece criterios asistencias comúns no establecemento de medidas preventivas e terapias, utilización de produtos, ou no seguimento e rexistro de pacientes.

Actualmente, en cada Estrutura Organizativa de Xestión Integrada do Sergas hai unha unidade de feridas, liderada por un profesional de referencia que traballa activamente para mellorar a calidade asistencial aos pacientes e funciona de nexo de unión entre os profesionais. Os resultados obtidos no marco destas unidades e de todo o programa Úlceras Fóra permiten mellorar a calidade de vida dos pacientes con feridas ou en situación de risco e permite así mesmo a especialización e mellora da atención dos profesionais sanitarios neste ámbito.

Formación, guías prácticas e novos procedementos

O Sergas está a desenvolver un Plan de xestión do coñecemento en feridas, onde a experiencia e coñecementos dos profesionais referentes son a chave á hora de deseñar actividades, de impartir formación, de crear contidos e de xestionar recursos. Está dirixido a profesionais tanto do Sergas como dos centros sociosanitarios, pacientes e coidadores.

Outra das actividades desenvolvidas dentro do programa é a formación. Durante 2016 e 2017 realizáronse 3.320 actividades formativas, nas que se dedica especial atención ao grupo de profesionais de referencia, aos que se lles oferta formación especializada máster, estadías formativas en unidades de feridas de referencia,e outras actividades de interese en feridas. Tamén se realiza formación destinada a pacientes e coidadores.

A elaboración da colección de guías prácticas de feridas do Sergas é outra das grandes liñas de actuación do programa. Na actualidade hai sete guías publicadas e unha en elaboración, nas que se aborda cómo mellorar a práctica clínica no coidado e abordaxe integral dos pacientes afectados por úlceras e feridas, ou con risco de padecelas. Estas guías recibiron durante 2017, máis de 14.000 visitas, e no que vai de ano 2018 recibiron máis de 8.000.

Estes documentos están dispoñibles no portal Úlceras Fóra en tres idiomas, galego, castelán e inglés. Através deste portal facilítase toda a información actualizada para dar apoio aos profesionais, aos pacientes e aos coidadores.

Ademáis destas actuacións, no marco do programa tamén se realiza asesoramento na valoración de apósitos para a elaboración do prego técnico do concurso centralizado de cura en ambiente húmido. Aí mesmo, desenvólvense procedementos en distintas técnicas relacionadas con feridas, isto responde á necesidade de dispoñer documentalmente de pautas de actuación, co fin de proporcionar unha asistencia eficaz de máxima calidade, baseada en criterios científicos, o que permitirá reducir a variabilidade asistencial.