Divulgare estrea vídeo centrado na problemática do lixo mariño

O obxectivo é ir concienciando á sociedade sobre a dimensión dun problema con graves consecuencias
Publicado por o día 10/03/2020 na sección de Galicia,Medio Ambiente,Universidade de Vigo,Vigo

Divulgare estrea vídeo centrado na problemática do lixo mariño

Divulgare estrea esta semana un novo vídeo, un traballo centrado nesta ocasión no tema do lixo mariño co que se busca pór a disposición do público novos materiais cos que ir concienciando á sociedade sobre a dimensión dun problema con graves consecuencias para a saúde e a seguridade humana e que ocasiona tamén graves perdas económicas.

Esta nova peza audiovisual está realizada ao abeiro do programa CleanAtlantic, proxecto liderado polo Centro Tecnolóxico do Mar, Cetmar, e que ten como obxectivo a protección da biodiversidade e os servizos ecosistémicos no espazo atlántico por medio da mellora das capacidades de prevención, monitorización e eliminación do lixo mariño. Financiado polo programa Interreg Espazo Atlántico (2014-2020), este proxecto fomenta a concienciación e o cambio de hábitos na sociedade actual. “Desde Divulgare levamos anos colaborando co Cetmar e nesta ocasión volveron contactar con nós para formularnos a posibilidade de realizar esta peza audiovisual”, explica o profesor Luis Navarro, responsable de Divulgare, o proxecto de divulgación do Grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo, quen insiste en que o vídeo, unha peza de algo máis de seis minutos de duración, ilustra esta problemática e como está traballando CleanAtlantic para atallala.

A nova peza distribuirase por toda Europa e tamén en Estados Unidos

Dispoñible en castelán e inglés e tamén con subtítulos en francés e portugués, a peza vaise distribuír por toda Europa e a idea é trasladala tamén a Estados Unidos, xa que o lixo mariño é un problema global. “No proxecto participan 19 socios de cinco países e desde o Cetmar xa se están a encargar de trasladalo a todas esas entidades para que cada unha delas poida difundilo nos seus respectivos ámbitos”, explica Navarro.

“No proxecto CleanAtlantic estamos mellorando o coñecemento e as capacidades de prevención, monitoraxe e redución do lixo no medio mariño”, explica no vídeo Marisa Fernández, coordinadora do proxecto, quen tamén recalca que o proxecto fai unha aposta clara por incrementar o grao de sensibilización social sobre este problema, desenvolvendo materiais de concienciación e organizando diferentes actividades dirixidas a facilitar un cambio de hábitos poboacionais cara un comportamento máis sostible.

Vídeos centrados no antropoceno e o cambio global

Desde Divulgare levan anos traballando no denominado antropoceno, “o período xeolóxico no que estamos na actualidade e que está caracterizado polos problemas que está xerando a actividade humana para a vida no planeta”, explica Navarro, que insiste en que neste contexto de cambio global, inclúese, por exemplo, o cambio climático, “que é o que a maioría da xente coñece, pero a maiores deste hai moitos outros problemas xerados tamén pola actividade humana, como é o caso do lixo mariño, un tema que consideramos bastante preocupante, polo que tiñamos bastante interese en centrar un dos nosos vídeos nesta temática”.

Se ben este é o primeiro vídeo que centran no tema do lixo mariño, Divulgare conta xa cunha dilatada traxectoria na publicación de diferentes pezas audiovisuais sobre contaminación mariña, sobre todo por hidrocarburos e outro tipo de vertidos químicos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.