A dobre titulación con Sao Paulo achegou ao campus preto de 40 estudantes brasileiros en cinco anos

O acordo permite obter o dobre grao en Dirección e Xestión Pública e Xestión de Políticas Públicas
Publicado por o día 23/02/2018 na sección de Universidade de Vigo

A dobre titulación con Sao Paulo achegou ao campus preto de 40 estudantes brasileiros en cinco anos

Hai cinco anos, as universidades de Vigo e Sao Paulo impulsaron un convenio de dobre titulación que permitía ao alumnado obter tanto o título de graduado ou graduada en Dirección e Xestión Pública pola Universidade de Vigo como o de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de Sao Paulo (USP). Cumprido este período, cómpre renovar este acordo para continuar con esta iniciativa, o que motivou a visita á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do responsable deste convenio na USP e vicepresidente da Comisión de Relacións Internacionais da Escola de Artes, Ciencias e Humanidades, Alessandro Soares da Silva, para participar nunha reunión de traballo con equipo decanal da facultade co propósito de abordar posibles cambios ou melloras de cara á renovación dun acordo que, ao longo destes cinco anos, achegou ao campus 38 estudantes procedentes de Sao Paulo.

Nesta reunión de traballo, celebrada na tarde do mércores, participaron o decano, Xosé Baamonde; o vicedecano de Alumnado e coordinador de Relacións Internacionais, José Pita, e a vicedecana de Infraestruturas e Asuntos Económicos e coordinadora do grao en Dirección e Xestión Pública, Rosa Ricoy; xunto co primeiro coordinador deste convenio no centro pontevedrés, Álvaro Xosé López Mira, e o profesor da Facultade de Historia do campus de Ourense Carlos Sixirei, con que previamente Soares da Silva mantivera unha xuntanza con representantes da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade. Á reunión, á que se sumou tamén o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, tiña como obxectivo abordar posibles modificacións ou melloras de cara á renovación dun acordo “moi positivo” para a facultade, como salientou Baamonde, que nese senso puxo o acento na necesidade de fomentar tamén a mobilidade do alumnado pontevedrés ata Sao Paulo, xa que ata o de agora só dúas alumnas de Dirección e Xestión Pública completaron no USP a estadía dun ano que lles permite obter a dobre titulación.

Unha media de oito estudantes por ano

Cunha media de oito brasileiras e brasileiros formándose casa curso no campus pontevedrés, este acordo constitúe “neste momento o convenio de dobre titulación que máis éxito ten dentro da Universidade”, salientou José Pita dun convenio que supuxo tamén “un revulsivo a nivel interno para o alumnado propio, que coñecer a realidade doutro país”. Nese senso, Pita incidiu tamén na necesidade de fomentar a mobilidade en sentido inverso, para o que o centro traballa na posibilidade de obter “novas fórmulas de financiamento” que poidan contribuír ao fomento desta mobilidade, que tras esta reunión centrou tamén un encontro de Soares da Silva co alumnado. “Para a USP é importante manter un convenio que tivo moito éxito no Brasil e polo que agora mesmo están aquí sete estudantes”, salientou o docente da USP, mentres que Rosa Ricoy puxo o acento no positivo de “ter aquí alumnos dunha universidade tan prestixiosa como Sao Paulo, que é tamén un elemento enriquecedor para o noso alumnado”.

Ir máis aló

Juan Manuel Corbacho, pola súa banda, sinalou que este convenio “supón un modelo a seguir en termos de internacionalización do campus” e lembrou que Dirección e Xestión Pública non só foi a primeira titulación do campus en contar cun acordo de dobre titulación, senón tamén a primeira en implantar unha modalidade semipresencial e incorporar a posibilidade de cursar materias en inglés. De aí que salientase a necesidade de “seguir apostando por isto e tratar de que se produza un efecto contaxio noutras titulacións”, pero tamén de estender esta liña de colaboración con Sao Paulo en ámbitos como a investigación, a través de iniciativas como o programa de doutoramento en Innovación Social e Sustentable do Campus Crea S2i. Nesa mesma liña, tamén Soares da Silva explicou tamén que outro dos propósitos da súa visita, máis aló de ultimar os detalles para a renovación deste convenio, era abordar a posibilidade de “facer intercambios de profesorado de maneira máis intensa”, así como de “atopar camiños para consolidar de feito unha relación máis profunda no campo da produción de coñecemento”.