Doce centros de ensino participan en Pontenciencia 2018

O departamento de Educación do Concello iniciou a pasada semana as charlas de formación no método científico no que participan 500 alumnos e profesores.
Por o 07/02/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra
Doce centros de ensino participan en Pontenciencia 2018

A Concellaría de Educación ofrece durante estas semanas os cursos de formación sobre o método científico aos centros de ensino da cidade que participan en Ponteciencia. Por vez primeira, son 12 centros do concello e arredor de 500 alumnos e docentes, que durante todo o curso porán en marcha distintos experimentos científicos seguindo o seu método e finalmente, o exporán ante un comité integrado por docentes universitarios e científicos.

A Concellaría e o comité científico de Pontenciencia xa mantivo reunións cos mestres de Educación Primaria e a Universidade de Vigo para pór en marcha o proxecto.

Tamén comezaron as charlas abertas ás familias que queiran sumarse a este proxecto. De feito, está prevista unha conferencia para o xoves, 22 de febreiro, ás 18.00 horas na Casa da Luz e o sábado, 3 de marzo, ás 10.30 horas tamén na Casa da Luz.

Na actualidade, están impartindo os cursos nos centros participantes: Sagrado Corazón de Praceres, Carlos Oroza, Santo André de Xeve, San Benito de Lérez, Príncipe Felipe, Sagrado Corazón de Jesús, San Martiño, Vilaverde, Froebel, Marcón, San José e Ponte Sampaio.

Hoxe impartíase o curso no CEIP San Martiño a 48 alumnos e profesores e mañá chegarán ao Vilaverde. Os horarios desta semana son:

    • Vilaverde. 7 de febreiro. de 09.50 a 11.00 horas (50 alumnos e 5 profesores=
    • Frobel. 9 de febreiro. Ás 12.15 horas (23 alumnos e 3 profesores)
    • Marcón. 19 de marzo. Ás 09.30 horas (36 alumnos e 3 profesores)
    • San José. 8 de marzo. De 09.55 a 11.45 horas (48 alumnos e 5 profesores)
    • Xa se teñen impartidos cursos no resto.

As novidades

Entre as novidades de Pontenciencia 2018 están:

    • A conmemoración do Ano Europeo do Patrimonio Cultural, polo que se realizará unha colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit), do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
    • Distintas actividades sobre científicas e investigadoras por iso farase:
      • Exposición de “Mulleres faro”: exposición fotográfica e biográfica sobre mulleres pioneras, investigadoras, científicas, artistas etc. para coñecelas a elas e ao seu traballo.
      • Xogo de cartas sobre “Mulleres faro”: xogo de cartas personalizado de cada investigadora.
      • Visibilización da muller nos premios de Pontenciencia poñéndolles o nome de mulleres que destacaron no ámbito científico e do coñecemento.
      • Detectives de fotografías: actividade sobre a representación do xénero na publicidade e nos libros de texto. En colaboración co grupo de investigación de Ana Cao, investigadora e docente na facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
    • Outra das novidades desta edición é a participación de empresas con obradoiros nos que se dará a coñecer a investigación e o coñecemento xerado nas empresas con departamento de I+D+i
    • Farase un banco audiovisual de propostas de investigación. Incluiránse no canal de Youtube as propostas de investigación que realicen os docentes. No Facebook de Pontenciencia as vídeopropostas de investigación tiveron case 6.000 reproduccións. O vídeo de presentación de Pontenciencia tivo 8.428 reproduccións e foi 155 veces compartido.
    • Ademais, nesta edición Ponteciencia conta coas colaboracións de:
      • Fundación Ceo, Ciencia e Cultura da Universidade de Vigo para unha actividade de astronomía
      • CIFP Carlos Oroza nos obradoiros de cociña
      • Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia na visibilización da biodiversidade
      • CEE Príncipe Felipe que traballan como reporteiros na feira

Pontenciencia

Pontenciencia é unha feira de proxectos de investigación escolar aberta a todo o público que se celebrará no campus da Xunqueira os vindeiros 1 e 2 de xuño. Pero antes desa data, Ponteciencia permite aos escolares, aos mestres e ás familias coñecer o desenvolvemento do método científico a través de experimentos que eles desenvolven durante o curso escolar, dirixidos por profesionais universitarios e expertos científicos, e que finalmente, expoñen durante a Minifeira da ciencia.

Pontenciencia está composta por:

    • Espazo expositivo: cos proxectos dos participantes e da comunidade universitaria.
    • Espazo de proxección audiovisual: cun programa de audiovisuais relacionados co mundo da investigación e da ciencia.
    • Espazo interactivo con actividades dirixidas a potenciar e dinamizar a feira, incluíndo opcións axeitadas a cada idade.

Pódese participar en distintas modalidades: Ciencia no Cole ou Ciencia en Familia. E todos eles exporán os resultados dos proxectos de investigación que seleccionen a partir das propostas realizadas por un comité científico universitario ou ben dunha temática libre, e que levaron a cabo co apoio dos seus mestres e familiares.

Finalmente, na gala de peche, farase entrega de diplomas pola presentación dos proxectos a todos os participantes e colaboradores.

Son participantes ou colaboradores de Pontenciencia:

    • Centros educativos do concello de Pontevedra
    • Universidade de Vigo
    • FANPA Federación Provincial de ANPA de Centros Públicos de Pontevedra
    • CIFP Carlos Oroza
    • Misión Biolóxica de Galicia- CSIC
    • Unidade Biolóxica de Galicia- CSIC
    • Unidade de Cultura científica do CSIC en Galicia
    • Parque Nacional marítimo- terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
    • INCIPIT- CSIC
    • Viaqua

Son patrocinadores de Pontenciencia:

    • Fundación Española de Ciencia y Tecnología FECYT- Ministerio de Economía e Competitividade

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.