Doce chefs presentan as súas receitas para a terceira edición do Festival ARVI do Peixe, Vigo SeaFest

O evento, que se celebra do 4 ao 7 de xullo, “resume a nosa forma de facer Economía desde o inmenso respecto ao mar”, destacou Caballero. Doce reputados chefs da cidade participan na terceira edición do festival Vigo SeaFest, que se presentou oficialmente esta mañá.
Publicado por o día 26/06/2019 na sección de Concello de Vigo,Galicia,Vigo

Doce chefs presentan as súas receitas para a terceira edición do Festival ARVI do Peixe, Vigo  SeaFest

O alcalde destacou que este evento “resume a nosa forma de entendernos como un colectivo e de facer economía desde o inmenso respecto ao mar”. Caballero reiterou a importancia de promover o consumo do peixe e de manter unha pesca sustentable “para deixar ás xeracións vindeiras un mar rico e limpo, como o que temos agora”.

A presentación estivo presidida por Javier Touza, presidente dos armadores de Vigo, ARVI, entidade promotora do evento, e contou cos representantes das diversas institucións que patrocinan o mesmo como a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o delegado de Zona Franca, David Regades; o presidente do Porto de Vigo, Enrique López Veiga; o director xerente de ARVI, José Antonio Suárez Llanos; a directora Xeral de Pesca da Xunta, Mercedes Rodríguez, e o director da Axencia Europea de Pesca, Pascal Savouret.

O presidente de ARVI destacou a variedade e calidade dos produtos que se poderán degustar no festival, que aúna gastronomía, música e gran variedade de experiencias. “Esta fusión é unha aposta gañadora”, afirmou Touza. Raia, lagostino, lura, bacallau, gallineta, quenlla, marajo, atún, galo, pescada e rape son algunhas das especies pesqueiras que captura a frota de ARVI e que se degustarán en receitas concibidas por cociñeiros de prestixio.

Como antesala do evento -que o ano pasado atraeu a máis de 100.000 persoas- o mércores celebrarase a Conferencia Internacional ARVI, que vira en torno ao proxecto Educa San, que ten como obxectivo promover a educación nutricional nas escolas.