Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e o barrio do Castañal

Boa parte das empresas se presentan como Unión Temporal para poder executar esta obra que supera os 2,5 millóns de euros.
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Galicia,Pontevedra

Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e o barrio do Castañal

O Concello de Pontevedra recibiu 12 ofertas para executar o proxecto de reforma da rúa Loureiro Crespo e do barrio de Castañal. O prazo de presentación rematou na noite do luns, 30 de setembro e a Mesa de Contratación na que se coñecerán os pregos reunirase o vindeiro martes, 8 de outubro, ás 12.30 horas.

Boa parte das empresas se presentan en Unión Temporal de Empresas (UTE):

  • UTE Audeca-Narón
  • Covsa
  • Xac – Orega
  • UTE Alvac- C.P. Abilleira
  • UTE E.C.Casas – Ramírez
  • UTE Prace – Ramón Váquez y Reino
  • UTE Ogmios -Fechi
  • Elsamex
  • Civis Global
  • Excavaciones y transportes Ivanca
  • UTE Oresa – Anfisa

Existe unha última oferta da que non se coñece o nome porque non cubriu a súa identidade na Plataforma do Estado no que se presentan as ofertas que chegan á Mesa de Contratación. Este nome coñecerase durante a reunión da propia mesa.

O proxecto

A reforma ten un orzamento de licitación de 2.557.256 euros e un prazo de adxudicación de 11 meses. O proxecto inclúe a execución de seis melloras valoradas en 341.380 euros, polo que o investimento xeral roldará os 2,9 millóns de euros. As melloras son investimentos que poden presentar as empresas pero que están fóra do custe da obra, é dicir, son obras que asumen as propias compañías con fondos propios e fóra do custe da obra. Estas melloras consisten na reurbanización das rúas: Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e praza das Regas.

O proxecto de reforma divide a rúa Loureiro Crespo en tres zonas:

  • Dende a rotonda da praza da Zanfona até Casimiro Gómez, onde se propón un alongamento das beirarrúas (de baldosa e granito) e un estreitamento do carril. O estacionamento, tamén en formigón, colocarase á dereita, e os alcorques serán de granito para plantar prunos, dando continuidade á avenida de Lugo, xa reformada. Renóvase a iluminación, o mobiliario e todos os servizos.

Á altura da rotonda de Doce de novembro instalarase unha columna de iluminación e plantaranse dous liquidámbar de grande porte para iniciar a transición cara un novo espazo, que será o segundo ámbito do proxecto.

  • De Casimiro Gómez a Antón Fraguas. Neste ámbito farase un carril de asfalto diferenciado que se dirixe cara Antón Fraguas. A beirarrúa da esquerda será de baldosa e bordo de granito. E a beirarrúa da dereita, lousa “vulcano”, a mesma que a da praza do Hospital. Instalarase á esquerda o estacionamento de taxis, e á dereita o de servizos.

Tamén se inclúe a renovación de toda a iluminación, do mobiliario e dos servizos, e a vexetación continúa cos prunos que se plantarán en toda a rúa. Nos extremos deste ámbitos, Casimiro Gómez e Antón Fraguas crearanse dous grandes matos de arborado en pezas de formigón (con 3 e 2 bétulas, respectivamente) para marcar a transición á terceira parte do proxecto.

  • De Antón Fraguas á praza do Hospital. Consistirá no alongamento da praza do Hospital, coa instalación de dúas bandas laterais de lousa “vulcano” e unha parte central de formigón negro en plataforma única, xa que é necesario respectar a entrada ao Hospital provincial. Plantarase arborado ao igual que no resto da praza do hospital (Quercus) e tamén se instalará máis mobiliario urbano.

No que respecta ao barrio do Castañal, o proxecto inclúe como mellora a pavimentación destas rúas, xa que a renovación dos servizos soterrados asúmese no proxecto principal.

As reformas previstas nestas rúas serán de dous tipos: Ernesto Caballero e Ramón Cabanillas manterán un carril de circulación e beirarrúas. Levarán plantación de árbores e mobiliario urbano. Os alcorques serán de ferro cortén, similar ao da Virxe do Camiño. O carril de circulación irá en formigón negro con faixas de pedra, similar á praza do Hospital.

O resto de rúas: Forcarei, Amor Ruibal e Mestre Soutullo, polas súas dimensión, serán de plataforma única cun tratamento similar ao xa iniciado na avenida de Lugo.

A praza das Regas está previsto que faga de distribuidor de tráficos da zona, polo que será necesario facer certos retoques nas esquinas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.