Docentes de 12 países compartirán experiencias no campus para mellorar a práctica da súa profesión

A cita volverá a celebrarse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias
Publicado por o día 09/06/2017 na sección de Universidade de Vigo,Vigo

Docentes de 12 países compartirán experiencias no campus para mellorar a práctica da súa profesión

O intercambio das experiencias investigadoras e innovadoras realizadas polas profesoras e profesores melloran a práctica docente, xa que axuda a pensar sobre o camiño seguido, as dificultades e os logros conseguidos. Desta necesidade de compartir experiencias xurdiu o Congreso Internacional de Docencia Universitaria que este ano se levará a cabo os días 15, 16 e 17 de xuño na Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias.

O obxectivo deste encontro, que acada xa a súa quinta edición, é “compartir as experiencias docentes universitarias, nas que se están a producir moitos cambios, e intercambiar as experiencias para así mostrar o que un fai e ver o que o resto está a facer”, explica Pedro Membiela, responsable do comité organizador, que lembra tamén que o encontro se leva organizando cada dous anos desde 2009 e, aínda que non hai grandes cambios con respecto ás edicións pasadas, “coa experiencia vas pulindo aquelas cousas que se poden mellorar”.

Mesas redondas, conferencias e comunicacións

Dado que este congreso quere ser un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas na docencia universitaria, un dos puntos principais do programa son as mesas redondas, nesta ocasión haberá dúas: unha sobre innovación educativa universitaria e os procesos de calidade e, outra, na que se tratará o papel das novas tecnoloxías, que “é un tema sobre o que xa fixemos outras mesas redondas e no que se teñen dado e seguen dándose moitos cambios”, explica o organizador do congreso.

Ademais, como nas edicións pasadas, haberá dúas conferencias das que se encargarán unha investigadora catalá e un profesor universitario portugués. Juana Mª Sancho Gil, da Universitat de Barcelona, afondará no futuro do profesorado na conferencia titulada La universidad hoy, desafíos para el profesorado e Alberto Amaral, da Agência de Avaliaçao e Acreditaçao do Ensino Superior (A3ES), afondará nos cambios que se están producindo a nivel institucional e na figura dos docentes co relatorio Neoliberalismo, diminuçao da colegialidade e proletarizaçao dos académicos. Ambos conferenciantes son persoas de referencia que contan cunha ampla traxectoria e un currículo relacionado coas súas temáticas, tanto no ámbito educativo como, concretamente, no ensino universitario.

Xunto ás mesas redondas e ás conferencias, outro dos puntos fortes do programa son as 270 comunicacións orais e escritas que se van presentar distribuídas en catro sesións e que versarán sobre diversos temas. “Para relacionarse cos outros participantes son moi importantes as actividades paralelas como son os cafés, as comidas e, como leva habendo nas edicións pasadas, os concertos”, afirma Membiela. Este ano os dous concertos virán da man do cuarteto de corda Aurum Ensamble e do grupo de música tradicional De Pé Feito.

Máis de 300 asistentes confirmados

Esta edición contará coa participación de arredor de 300 persoas procedentes de países como Andorra, Arxentina, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, España, Francia, México, Perú, Portugal e Porto Rico, se ben o número de participantes aínda non está pechado, dado que o prazo aínda está aberto. Ademais de persoas de distintas procedencias, Membiela explica que “o congreso acollerá a persoas de distintas áreas universitarias e dos centros máis diversos, como son o dereito, a medicina, as ciencias empresariais, a fisioterapia, etc., áreas e temáticas moi diversas a través das que se pode aprender moito”.