Docentes e investigadores en formación no campo do procesado de sinal e as comunicacións danse cita no SIC17 Summer

Organizado por Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións da Universidade
Publicado por o día 04/07/2017 na sección de Universidade de Vigo

Docentes e investigadores en formación no campo do procesado de sinal e as comunicacións danse cita no SIC17 Summer

35 docentes e investigadoras e investigadores en formación que desenvolven a súa actividade no ámbito do procesado de sinal e as comunicacións, participan este martes no 6º Spanish Workshop on Signal Processing, Information Theory and Communications, SIC17 Summer, que se celebra no Centro Social AFundación en Vigo. O desenvolvemento de novas ferramentas baseadas na teoría da información e o procesado de sinal para a análise de prestacións de redes de comunicacións e de sensores; o deseño e algoritmos matemáticos eficientes para o procesado da información nestes sistemas complexos e a validación destes algoritmos en equipos demostradores, centran a xornada, organizada polo Grupo de Procesado de Sinal en Comunicacións da Universidade de Vigo, co apoio da Universidade Politécnica de Cataluña, coordinadora da RedComonsens.

“A rede de excelencia RedComonsens, financiada polo Ministerio de Economía y Competitividad, creouse ao finalizar o proxecto Comonsens, Foundations and Methodologies for Future Communication and Sensor Networks, que se desenvolveu entre os anos 2009 e 2014 e no que participaron 135 investigadores de dez grupos españois, entre eles o GPSC da Universidade de Vigo”, explica Roberto López, integrante do grupo e coordinador do workshop. A sesión ten carácter bianual e nela participan docentes e estudantes, así como calquera investigadora ou investigador interesado na temática, aínda que non pertenza a RedComonsens, que ten o obxectivo “de fortalecer os vínculos de colaboración en investigación iniciados e desenvolvidos durante o proxecto Comonsens, tanto entre a decena de grupos que participaron en España, como cos participantes e as redes externas”, explica o investigador de AtlantTIC.

Poñentes, presentacións orais e pósters nun workshop que cumpre seis anos

16 pósters preséntanse nesta edición do workshop que conta coa participación de tres poñentes invitados: o catedrático da Universidade de Aveiro e profesor adxunto en Carnegie Mellon University Rui Aguiar, “un recoñecido experto internacional no campo das tecnoloxías de rede”; Daniel Romero, profesor titular na Universidade de Agder (Noruega), “que centra a súa investigación en métodos de aprendizaxe máquina aplicados a comunicacións sen fíos” e Antonio G. Marquéz profesor titular na Universidad Rey Juan Carlos na optimización de redes de comunicacións sen fíos e de distribución eléctrica e aplicación do procesado de sinal á teoría de redes.

Logo de cinco edicións, o docente e investigador do Grupo de Procesado de Sinal en Comunicación considera que “estas reunións periódicas demostraron ser un instrumento moi valioso para reforzar as relacións entre investigadores españois do campo do procesado de sinal e as comunicacións, dando lugar a numerosos resultados de investigación realizados en colaboración entre eles, así como a captación de fondos mediante proxectos realizados de xeito coordinado”, asegura Roberto López, que valora moi especialmente a participación de investigadoras e investigadores en formación, para quen estes encontros supoñen unha boa ocasión de ampliar os seus horizontes de traballo.