Doenzas xinecolóxicas, aprender a traballar enferma e disimulando a dor?

Artigo de opinión por Iria Rodríguez
Publicado por o día 22/06/2017 na sección de Opinión,Opinión por Iria Rodríguez

Doenzas xinecolóxicas, aprender a traballar enferma e disimulando a dor?

Opinión por Iria Rodríguez

Recentemente recibín unha chamada da oficina de desemprego sobre un posto de traballo como profesora de inglés na Escola Naval en Marín. Entrega-la documentación é a primeira fase dun proceso moi pesado cunhas esixencias que non garanten que a persoa máis idónea sexa seleccionada. Se vos son sincera, ensinar a grupos non é un traballo soñado, ensinar é duro, cansado. Gústame máis ensinar un por un porque me permite pararme co alumno: estuda-la mellor maneira de axudalo, experimentar, inventar trucos, pero non deixa de ser un traballo de subsistencia. E nin de subsistencia. En realidade nin sequera sei cales son as condicións de traballo na Escola Naval. Sei que é traballo temporal. Ter un salario que me permitise vivir no meu propio espazo atráeme e a posibilidade de influír positivamente nos futuros militares tamén. Infundirlles ideas progresistas, feministas. Milagrosamente o meu pai prestouse a levarme á Subdelegación de Defensa en Pontevedra, onde tiña que entrega-la documentación. Púxenme moi nerviosa, os meus problemas de saúde téñenme esgotada mentalmente, animicamente. As mulleres con problemas xinecolóxicos estamos expostas a un maltrato continuo xeneralizado pola sociedade, desde a familia ós médicos, recibimos insultos (segundo todos eles, utilizamos a doenza como escusa para non traballar, coma se fose tan fácil conseguir, pero sobre todo manter, un traballo cando se nos nota tanto que estamos enfermas e non temos forzas nin ánimo por moita formación que teñamos e calidade como profesionais); se pedimos un informe médico cúrannos de repente, coa maxia das palabras. Precisamente mañá voulle dar unha nova volta, vou tentar por segunda vez que unha nova médica de atención primaria cubra correctamente o documento que en Servizos Sociais do concello me pediron que entregase hai xa moito tempo (tiven que esperar a que pasase o prazo de seis meses requiridos para cambiar de médico, dúas veces: a unha das miñas doutoras só acudín un día e xa me puxo coma un trapo, nin o intentei!). Desde que enfermei xa pasei por catro médicas de atención primaria. A crise e o desmantelamento progresivo do sistema público sanitario están servindo para quitarlle a careta a moitos profesionais da saúde que obviamente entraron no sistema porque lles ofrecía estabilidade económica, bos salarios, ós que lle importamos un pito os doentes. Antes disimulaban máis. Ou non. Igual tiven mala sorte e cadráronme malas persoas. Haberá de todo. Pero os mecanismos de control do trato dos profesionais ós pacientes fallan ou existen só no papel. O caso é que eu mailo meu pai fomos a Pontevedra e ó pasar pola Audiencia Provincial meu pai afirmou sentir arrepíos, polos malos recordos que lle traía dun funesto episodio que aconteceu sendo eu bebé: un tipo disparoulle á miña avoa na cara, no queixo. Non eran balas. 1981.