O DOG publica a aprobación da nova Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia

O selo de calidade non recibiu alegación algunha polo que poderá ser comercializada cando se obteña a protección nacional transitoria
Publicado por o día 31/03/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O DOG publica a aprobación da nova Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se adopta a decisión favorable en relación coa inscrición da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia no rexistro comunitario de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, despois de que non se presentase ningunha oposición ao rexistro do prego de condicións.

A través desta decisión o selo de calidade queda aprobado a nivel nacional e poderá empezar a comercializarse unha vez se logre a protección nacional transitoria. Agora remitirase esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, para que transmita a solicitude de inscrición á Comisión europea e que alcance tamén este recoñecemento a nivel comunitario.


A IXP ampara a carne fresca e casquería procedentes de vacas e bois de Galicia, que se comercializa en todo tipo de cortes e pertenzan ás principais razas de gando vacún existentes en Galicia: rubia galega, morenas galegas, asturiana dos vales, limusina, rubia de Aquitania, pardo alpina e frisona. Para que sexan recoñecidos como tal, os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse na nosa comunidade.

A través deste selo de calidade, preténdese así acabar cunha etiquetaxe fraudulenta do uso de termos como carne, vaca ou boi galego, entre outras. A partir de agora, será necesario demostrar a rastrexabilidade destes produtos e que cumpren as características que se establecen no prego de condicións.

Esta nova indicación súmase así á de Ternera Gallega que existe dende o ano 1994, pero limitada para animais de menos de 18 meses, cuns 89.000 canais certificados e preto de 20.000 toneladas vendidas ao ano. Calcúlase que a nova IXP de vacún podería chegar en sete ou oito anos a 25.000 canais e comercializar unhas 8.500 toneladas de carne vacún maior de calidade, cunhas 10.000 explotacións gandeiras inscritas.