O DOG publica as axudas aos Grupos de Desenvolvemento Rural para apoiar proxectos que buscan dinamizar o agro galego

Estes fondos distribuiranse entre os 24 grupos, que son os encargados de aprobar e apoiar os proxectos tanto de carácter produtivo como non produtivo
Por o 28/12/2017 | Sección: Empresas
O DOG publica as axudas aos Grupos de Desenvolvemento Rural para apoiar proxectos que buscan dinamizar o agro galego

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as subvencións para a execución de proxectos a través dos grupos de desenvolvemento rural (GDR), no marco da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 para os anos 2018 e 2019.

O orzamento que destina a consellería para esta liña de axudas é superior aos 17,5 millóns de euros, dos cales 7,6 son para a anualidade de 2018 e o resto para a de 2019. Estes fondos distribuiranse entre os 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) repartidos polo territorio da Comunidade, que son os encargados de aprobar e apoiar os proxectos tanto de carácter produtivo como non produtivo. A distribución dos importes por cada un destes grupos vén reflexada nos anexos I e II da orde que recolle hoxe o DOG.

Entre as iniciativas que adoitan recibir apoio no marco do Leader, atópanse aquelas relacionadas coa fabricación de produtos e servizos para as explotacións agrícolas, gandeiras ou forestais. Tamén, dentro dos proxectos produtivos, os hai que fomentan determinadas ramas de actividade, como talleres industriais ou de fabricación de maquinaria. En canto ás accións non produtivas, destacan os centros de día ou as relacionadas coa posta en valor do patrimonio cultural ou o turismo.

Os principais obxectivos do programa Leader para o período 2014-2020 -o cal está dotado con 84 millóns de euros- son o de mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar servizos á poboación das zonas rurais, favorecendo a mellora do seu nivel de vida, a inclusión social e a redución da pobreza. Neste senso, perséguese favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, os mozos/as, as persoas con discapacidade, as persoas maiores, etc., así como garantir que a actividade no medio rural sexa sustentable, mediante un coidado e utilización adecuada dos recursos naturais.

As solicitudes de axuda que formulen os distintos axentes dirixiranse ao GDR correspondente. O prazo de presentación estará aberto durante todo o período de execución da medida Leader, aínda que haberá dúas convocatorias de solicitudes: as presentadas ata o 31 de marzo de 2018 e as presentadas ata o 31 de maio.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.