O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para o fomento de seguros agrarios cunha dotación de cinco millóns de euros

Poderán ser beneficiarios destas achegas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas en Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas ou gandeiras
Por o 28/12/2017 | Sección: Alimentación
O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para o fomento de seguros agrarios cunha dotación de cinco millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases reguladoras e a convocatoria para 2018 das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios. A Consellería do Medio Rural destinará un total de cinco millóns de euros a estas achegas, o importe máis elevado dos últimos cinco anos, e incrementa o orzamento previsto nun 8% con respecto á última convocatoria de 2017.

Na orde publicada hoxe polo DOG establécese que Medio Rural concederá estas axudas en forma directa aos agricultores e gandeiros. Poderán ser beneficiarios delas os asegurados titulares de explotacións agrarias situadas en Galicia, sempre que subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas ou gandeiras.

A subscrición do seguro realizarase exclusivamente a través das entidades aseguradoras autorizadas polo Ministerio de Economía e Competitividade e incluídas na Agrupación Española de Entidades Aseguradoras dos Seguros Agrarios Combinados, S.A. (Agroseguro) ou a través dos axentes de seguros autorizados, de acordo coa normativa vixente.

Sinálase ademais que a subvención conxunta entre a Xunta e Enesa (Entidade Estatal de Seguros Agrarios) non poderá exceder uns límites que para as liñas de seguros agrícolas e gandeiros se sitúan no 65% do recibo de prima, mentres que para as pólizas de retirada e destrución de animais mortos nas explotacións quedan marcadas no 80% do devandito recibo.

A formalización da correspondente póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición establecidos pola normativa do plan anual vixente. As datas de inicio da subscrición detállanse nos anexos desta orde, e abarcan desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de seguro da que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

Coa aprobación destas axudas, a Administración autonómica consolida o seguro agrario como ferramenta eficaz e fiable diante dos riscos naturais no sector agrario, permitindo aos agricultores e gandeiros a obtención de rendas dignas en caso de sinistros e aportando estabilidade á xestión das súas explotacións.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.