Dous accidentes de tráfico no Porriño deixan dúas persoas feridas

Por o 01/03/2018 | Sección: Sucesos
Dous accidentes de tráfico no Porriño deixan dúas persoas feridas

Dúas persoas resultaron feridas en outros tantos accidentes de tráfico que tiveron lugar esta tarde no Porriño. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, un turismo bateu contra unha sinal de tráfico no punto quilométrico 15 da A-55 e, uns instantes despois produciuse, no mesmo punto, outro sinistro que afectou aos dous sentidos da circulación. Neste caso, foron dous os coches que colidiron na autovía e, debido ao impacto, o valo rematou no chan, na dirección oposta á que viaxaban os turismos accidentados.

O 112 Galicia tivo constancia do sinistro ás 14:17 horas, a través da alerta dun particular. Nese momento, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia pasábase o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros do Baixo Miño e a Protección Civil do Porriño.

Colisión múltiple en Mos
Uns minutos máis tarde, ás 14:55 horas, tiña lugar unha colisión múltiple na que se viron implicados catro turismos, tamén na A-55, ao seu paso polo termo municipal de Mos. Segundo se lle indicou ao 112 Galicia, o sinistro saldouse con catro persoas feridas, que foron trasladadas a un centro hospitalario.

Neste caso, o accidente ocorreu na saída 13 da A-55, no enlace coa A-52. A causa desta colisión múltiple, producíronse importantes retencións na autovía.

Un particular contactaba co 112 Galicia para dar conta do sinistro. Acto seguido, o persoal do CIAE informaba do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, a Protección Civil e aos Bombeiros do Baixo Miño.

Accidente entre dous coches na A-55
Ademais, o 112 Galicia tivo constancia doutro accidente de tráfico rexistrado na A-55, ás 15:15 horas, en Vigo. Segundo puido saber o 112 Galicia, un turismo colidiu contra outro coche que se atopaba parado no punto quilométrico 6 da autovía, sentido O Porriño. Por mor do impacto, unha muller resultou ferida.

Nada máis recibir o aviso, dende o CIAE púxose a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, de Protección Civil e dos Bombeiros de Vigo.

Feridas unha muller e unha nena tras ser atropeladas en Lugo

Unha muller e unha nena tiveron que ser atendidas polos servizos sanitarios de urxencia ao ser atropeladas en Lugo. Os feitos ocorreron na rúa de San Eufrasio, á altura do número 40, ao fío das 14:10 horas.

Un particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia e solicitaba unha ambulancia para as dúas persoas feridas.

Decontado, o persoal do CIAE informou do sucedido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Policía Local, a Protección Civil e aos Bombeiros de Lugo.

Unha vez no lugar do atropelo, os efectivos sanitarios trasladaron ata o centro hospitalario de referencia á muller e a nena.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.