Dous deportistas paralímpicos súmanse ao torneo de boccia da ‘Xuntanza de Persoas e Familias con DCA’

Os campións Antonio Cid e José Manuel Prado participarán este sábado no xogo.
Publicado por o día 15/06/2017 na sección de Deportes,Vigo

Dous deportistas paralímpicos súmanse ao torneo de  boccia da ‘Xuntanza de Persoas e Familias con DCA’

A Federación Galega de Dano Cerebral conseguiu dúas incorporacións estelares para o seu Torneo de Boccia deste sábado. Os campións Antonio Cid e José Manuel Prado van participar no xogo e animar ás persoas con dano cerebral adquirido a continuar practicando este deporte e levar unha vida saudábel.

Este torneo de boccia é unha das actividades da ‘Xuntanza de Persoas e Familias con Dano Cerebral Adquirido’, unha gran festa coa que FEGADACE vai celebrar a súa primeira década de vida con máis de 150 persoas das súas cinco asociacións: ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela.

A Xuntanza é unha reformulación do tradicional Foro de Familias para convertelo nunha actividade lúdica. Vaise celebrar en Santiago de Compostela este sábado, 17 de xuño. Inclúe música, deporte, sorteos, e un xantar popular. Será ao aire libre, na Avenida das Letras (diante do Colexio Maior Rodríguez Cadarso) do Campus Vida da USC.

Ademais do financiamento da Consellería de Política Social, conta co apoio do Concello de Santiago e coa colaboración de Gadis, Feiraco e Termas de Cuntis.

Boccia na Festa do Deporte

O Torneo de Boccia comeza ás 11:30 e terá lugar nas pistas de tenis 3 e 4 do mesmo Campus Vida. Está previsto que finalice ás 13:45. FEGADACE contará coa presenza de dúas estrelas deste deporte, Antonio Cid e José Manuel Prado.

Antonio Cid (Ourense) foi medallista paralímpico en Barcelona 1992 (ouro), Atlanta 1996 (ouro), Sidney 2000 (prata) e Atenas 2004 (bronce). Foi galardoado coa Distinción ao Mérito Deportivo de Galicia e coa Real Orden al Mérito Deportivo do Consejo Superior de Deportes.

José Manuel Prado (O Carballiño) participou nos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 e Rio 2016, e o ano pasado proclamouse por oitava vez Campión de España de boccia.

A boccia é un deporte mixto deseñado para persoas con discapacidade aceptado como deporte paralímpico dende 1984. Conta con grande éxito entre as persoas con dano cerebral adquirido, que se verán reforzadas este sábado coa presenza dos dous campións.

Esta actividade intégrase na programación da Festa do Deporte que o Concello de Santiago organiza durante toda a xornada en diferentes espazos da cidade, e contará cunha pista habilitada para que calquera persoa que se achegue poida probar a practicar este deporte adaptado, deseñado especificamente para as persoas con discapacidade.

Programación lúdica e festiva na #XuntanzaDCA

En paralelo á actividade deportiva, FEGADACE prepara un espazo de benvida ás persoas asistentes amenizado por un DJ que vai ambientar toda a xornada. Arredor das 13:30 comezarase a servir un aperitivo, que dará paso ao xantar popular, no que se vai servir polbo e churrasco.

Despois do xantar, deixando espazo para a sobremesa, haberá un sorteo e a música continuará ata o peche da xornada, sobre as 18:00 hh.

A inscrición realízase a través das asociacións membro de FEGADACE, e ten un importe de 10 euros para sufragar os gastos do xantar.

FEGADACE habilitou o hashtag #XuntanzaDCA para darlle seguimento a toda a información sobre o evento en redes sociais.

10º Aniversario

A Federación acada en 2017 a súa primeira década de vida e conmemóraa co lema ‘Pasiño a pasiño faise o camiño’. Son dez anos amodo, consolidando cada paso, sen estrés para previr o ictus, a 10 quilómetros por hora para evitar os accidentes de tráfico, freando cada causa de dano cerebral e cimentando cada avance na construción da Federación.

Ademais da reformulación do Foro de Familias -esta sería a súa sexta edición-, FEGADACE ten previsto celebrar os seus dez anos de vida con máis actividades ao longo do ano. Iranse anunciando a través da súa páxina web e redes sociais.