Dous operarios feridos despois de sufrir unha caída dende o andamio no que traballaban na Coruña

Publicado por o día 02/09/2019 na sección de Sucesos

Dous operarios feridos despois de sufrir unha caída dende o andamio no que traballaban na Coruña

Un accidente laboral ocorrido á altura do número 14 da Avenida Novo Mesoiro, na Coruña, mobilizou aos servizos de emerxencia este mediodía. Dous operarios tiveron que ser evacuados en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña tras precipitárense dende o andamio no que traballaban e resultar feridos de diversa consideración.

Segundo a información facilitada ao 112 Galicia, foi necesaria a intervención dos Bombeiros da Coruña para liberar a un dos traballadores que se viu implicado no incidente. Ademais, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento confirmaron aos xestores do 112 que, malia a que a caída da estrutura provocou a avaría de varias tubarias de gas, non chegou a producirse un escape. Por precaución, efectuouse o corte na subministración do combustible e, unha vez rematada a intervención, os servizos de emerxencia aseguraron que as medicións eran negativas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias tivo constancia dos feitos ás 14:30 horas, a través da chamada de varios particulares que presenciaron o accidente. De inmediato, púxose en marcha un operativo que, ademais da intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e dos bombeiros da cidade coruñesa, contou coa colaboración dos axentes da Policía Nacional e Local. Os membros de Protección Civil da localidade tamén foron informados.

Operario precipitado en Padrón

Por outra banda, ás 16:15 horas, outro operario resultou ferido e tivo que ser evacuado en ambulancia ao caer dende un camión na Rúa Santiago, no concello coruñés de Padrón.

O 112 Galicia foi informado do suceso ao recibir a chamada dos servizos sanitarios, que solicitaban axuda para o traslado do traballador precipitado.

Nada máis ter constancia do accidente, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia pasouse o aviso ao GES da localidade, á Garda Civil, á Policía Local e aos membros de Protección Civil.