Dous accidentes laborais mobilizaron aos servizos de emerxencia na mañá de hoxe na cidade olívica.
O primeiro deles tivo lugar a escasos minutos das nove horas na Avenida de Samil. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos que acudiron ao lugar, un operario necesitou asistencia sanitaria despois de precipitarse dunha altura mentres realizaba traballos nunha obra á altura do número 15.
Para prestar auxilio ao ferido, o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 mobilizou ata o punto unha UVI móbil.
Cómpre sinalar que os axentes da Policía Nacional e Local tamén foron avisados, ben como os efectivos de Protección Civil de Vigo.
Case unha hora despois, ao fío das 09:45 horas, un particular contactou co Centro Integrado de Emerxencias de Galicia para solicitar axuda para un traballador que sufrira queimaduras ao manipular propano na Avenida de Beiramar.
Axiña, desde o 112 púxose a situación en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia, do persoal da Autoridade Portuaria, dos axentes da Garda Civil e da Policía Nacional. Igualmente, pasouse aviso á Policía Local e a Protección Civil da cidade.
Noticias de última hora en Vigo