Dous técnicos da Xunta formarán a 20 alumnos da USC no diagnóstico e manexo das principais enfermidades dos moluscos bivalvos

Un biólogo do Centro de Investigacións Mariñas e unha bióloga do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño impartirán un curso na Facultade de Veterinaria de Lugo
Publicado por o día 28/01/2018 na sección de Mar

Dous técnicos da Xunta formarán a 20 alumnos da USC no diagnóstico e manexo das principais enfermidades dos moluscos bivalvos

Dous técnicos da Consellería do Mar formarán a 20 alumnos da Universidade de Santiago de Compostela no diagnóstico e manexo das principais enfermidades dos moluscos bivalvos. O biólogo do Centro de Investigación Mariñas de Galicia, Antonio Villalba, e a bióloga do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Susana Darriba, impartirán un curso na Facultade de Veterinaria do campus universitario de Lugo.

Así, na parte teórica do curso formarase aos alumnos en coñecementos básicos sobre a anatomía e histopatoloxía dos moluscos de interese comercial, o diagnóstico microscópico das súas principais enfermidades (víricas, bacterianas e parasitarias) e as estratexias de loita que se levan a cabo para o seu control.

No caso da parte práctica, describiranse protocolos de mostraxe e procesado de mostras a partir de exemplares de ameixas, berberechos, ostras e mexillóns. Ademais, tamén se realizará un exame microscópico de preparacións citolóxicas e histolóxicas para que os alumnos se familiaricen co proceso de diagnóstico.

O curso celebrarase os días 7 e 8 de febreiro e nel poden participar graduados e licenciados en Veterinaria e estudantes do último ano do grao. Ademais, tamén poden asistir outros profesionais que amosen a súa experiencia no ámbito da sanidade dos animais acuáticos, como licenciados ou graduados en Bioloxía ou Ciencias do Mar, entre outras.